Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño

Venres, 28 de decembro de 2018

[28-12-2018] Este xoves, 27 de decembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro no que a Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Tamén se aprobaron o regulamento da Escola municipal de música de Ames; a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola actividade administrativa do cemiterio municipal; a primeira modificación da ordenanza reguladora do prezo público polos servizos funerarios do cemiterio municipal; e unha proposta do PSdeG sobre a política do Goberno galego en relación do financiamento das Entidades locais.

Regulamento da Escola municipal de música
Tamén se aprobou, de xeito inicial, o regulamento da Escola municipal de música de Ames, que foi sometido a exposición pública durante 30 días hábiles, rematados o pasado 15 de novembro, co obxectivo de que a veciñanza puidese facer as achegas que estimase oportuno. Dita proposta de regulamento dispón dun preámbulo e cinco títulos, onde se recolle a organización da Escola de Música, os recursos humanos e materiais, así como o funcionamento e réxime interior. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.

Ordenanzas do cemiterio municipal
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola actividade administrativa do cemiterio municipal, que entrou en vigor o pasado 7 de decembro de 2017. Tras os primeiros meses de aplicación desta ordenanza fiscal, considerouse preciso modificala nos aspectos referidos ao artigo 7b, sobre o permiso de apertura; o 7c na referencia ao concepto de retirada de restos “sen apertura”; e o artigo 7e da cota tributaria para o servizo de conservación e vixilancia dos columbarios. Ademais, ao tratarse dun servizo novo e ao existir poucas concesións no mesmo, considerouse axeitado eliminar a cotra tributaria sobre o permiso de apertura de toda clase de sepultura por inhumacións ou exhumacións recollido no artigo 7b. O obxectivo de dita modificación da ordenanza é simplificar o número de trámites administrativos para o cidadán.

Tamén se aprobou por unanimidade a primeira modificación da ordenanza reguladora do prezo público polos servizos funerarios do cemiterio municipal. A través de dita modificación elimínanse os servizos recollidos no artigo 5.1 a), servizos de apertura e peche de sepultura especial que ascende a 162,72 euros; e os recollidos no 5.1 b), sobre o servizo de apertura a osario e peche de sepultura especial, de 189,28 euros.

Proposta sobre o financiamento das Entidades locais
Por último, abordouse unha proposta do PSdeG sobre a política do Goberno galego en relación do financiamento das Entidades locais. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.

En dita proposta recóllese instar ao Goberno galego a regular, mediante unha Lei autonómica consensuada coa FEGAMP, o financiamento dos concellos galegos; establecer as partidas non finalistas dentro do capítulo de transferencias totais da Xunta de Galicia con destino á entidades locais, así como de determinadas subvencións que os concellos perciben anualmente de xeito recorrente coa conseguinte modificación da porcentaxe de participación, coa finalidade de integralas no Fondo de Cooperación Local.

Tamén se recolle crear un fondo específico anual formando polas transferencias non executadas no Orzamento da Xunta de Galicia con destino ás entidades locais; fixar os criterios que rexan o reparto das subvencións da Comunidade Autónoma a favor das entidades locais, obxectivos e consensuado coa FEGAMP, e que garantan a igualdade de acceso para todas elas cunha convocatoria pública á que concorreran todos os concellos en igualdade de oportunidades; e implantar un acordo para que o Canón da Auga se reparta con criterios de igualdade de reparto, onde as entidades locais poidan recibir en investimentos o 50% das recadacións que se levan en cada concello.

A Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Deste xeito disporase de tres liñas de primaria. Unha vez superado dito trámite, será a Consellería de Educación a que teña que elaborar o proxecto, licitar o expediente de contratación do proxecto e executar as obras, para as cales hai reservada unha partida de 500.000 euros. Dita parcela, que será destinada a equipamento público, está situada ao carón do actual centro.

Previamente, no pasado mes de marzo, aprobouse nun pleno extraordinario a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) para poder cederlle dita parcela á Xunta de Galicia. A través de dita modificación o que se fixo foi unir á parcela onde está situado o colexio a unha superficie de espazos verdes. A superficie de espazos verdes ascende a 4.345 m2 que unidos aos 10.300 m2 actuais do colexio dan unha superficie total de 14.645 m2, co que se garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións.

Este centro de ensino estase ampliando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas de educación infantil, que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. Agora, na segunda fase, construíranse novas aulas para o alumnado de educación primaria.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Unanimidad en Ames para ampliar con seis aulas el colegio de Agro do Muíño"
Lindeiros: "Último pleno do ano en Ames"
Compostela 24 horas: "O Pleno de Ames porá a disposición da Xunta os terreos necesarios para ampliar o CEIP Agro do Muíño"
La Voz de Galicia: "Ames cede suelo a la Xunta para posibilitar la ampliación del colegio Agro do Muíño"
El Correo Gallego: "Ames publica as taxas polo uso do cemiterio que gravan as cesións"