Pestanas principais

As bibliotecas municipais prepáranse para o Entroido con varias sesións de contacontos e un obradoiro

Mércores, 30 de xaneiro de 2019

[30-01-2019] A Concellaría de Educación e Cultura de Ames prepara unha ampla programación de contacontos para os meses de febreiro e marzo, que consta de oito sesións e dous obradoiros de máscaras de Entroido. Para participar nalgún dos obradoiros, dirixidos ao alumnado de 3º a 6º de Primaria, será preciso inscribirse a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.

Durante os meses de febreiro e marzo, as bibliotecas municipais de Ames acollerán varias actividades de animación á lectura, que consistirán en catro sesións de contacontos en febreiro e outras catro en marzo, mes no que tamén se realizarán dous obradoiros de máscaras para celebrar o Entroido. Todas estas actividades serán de balde.

As sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A primeira que terá lugar no mes de febreiro preséntarase baixo o título De quen será este ovo?, e celebrarase o mércores 13 de febreiro na biblioteca de Milladoiro e o xoves día 14 na de Bertamiráns. A segunda das sesións, que levará por nome A cantar e contar, realizarase o mércores 27 en Bertamiráns e o xoves 28 no Milladoiro. As sesións comezarán todas ás 17:30 horas.

Pola súa banda, a primeira das sesións de contacontos do mes de marzo terá lugar o mércores 13 de marzo na biblioteca do Milladoiro baixo o título 1, 2, 3 sen mover as mans nin os pés, e ao día seguinte en Bertamiráns. O 27 de marzo os nenos que se acheguen á biblioteca de Bertamiráns poderán gozar do conto Non todo é o que parece, mentres que a narración no Milladoiro terá lugar o día 28. Ao igual que en febreiro, estas sesións tamén comezarán ás 17:30 horas.

Obradoiro de máscaras de Entroido
Asemade, o luns 11 e o martes 12 de marzo, as bibliotecas celebrarán un obradoiro no que os e as cativas poderán deseñar e realizar as súas propias máscaras. Este taller realizarase o luns na biblioteca de Bertamiráns e o martes na do Milladoiro, a partir das 17.00 horas. Así, o número de prazas será limitado, polo que a inscrición deberá tramitarse entre o 25 de febreiro e o 6 de marzo a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Sesións de contacontos e obradoiro de entroido nas bibliotecas amesás"
Compostela 24 horas: "As bibliotecas municipais prepáranse para o Entroido con varias sesións de contacontos e un obradoiro en Ames"