Pestanas principais

Adxudícanse por 68.500 euros as obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro

Mércores, 30 de xaneiro de 2019

[30-01-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro. O proxecto ten un custo de 68.500 euros, IVE incluído, e está sufragado a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”. Os traballos serán executados pola empresa Construcciones Iglesias Mera SL. Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo dos traballos desenvolvidos en varias instalacións do Milladoiro, na Casa do Concello, praza do Concello, e na praza da Maía, en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

O proxecto das obras de accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro contempla a creación dun aparcamento adaptado nos xa existentes, que cumpra a normativa coas súas dimensións e bandas perfectamente delimitadas e pintadas, así como o acceso á beirarrúa con paso de peóns adaptado. No espazo próximo á entrada onde se atopa o soportal norte do edificio, proponse a ubicación dun ascensor exterior, cunha estrutura envolvente metálica.

Habilitarase un espazo superior próximo ao ascensor onde ubicarse para exercer de espectadores dos eventos os usuarios en cadeiras de rodas. O ascensor terá unha cabina cun lateral acristalado e o resto opacos de chapas de aceiro, resolto o illamento e a ventilación en condicións de total impermeabilización.

Os traballos contemplan tamén a reestruturación dos aseos públicos da planta superior redefinindo os espazos e creando un aseo adaptado por sexo. Asemade, levarase a cabo a remodelación dos espazos e divisións en vestiarios para permitir un aseo completo adaptado por sexo que dispoña de ducha adaptada coas súas barras, asento, sumidoiro e tipo de pavimento apto de maneira integrada, ademais da adaptación de portas existentes onde proceda. Será necesario colocar, dado o seu mal estado, uns novos accesorios dos aseos existentes en vestiarios, incluíndo unha partida de sinaléctica para as entradas dos aseos, tanto nos novos adaptados ou remodelados coma nos existentes en vestiarios que non se modifiquen para unha mellor comprensión.

Para a inclusión dos aseos completos adaptados con ducha débense facer obras de reforma de tabiquerías, instalacións de saneamento e agua potable, e reacondicionamento de espazos adxacentes. Por último, levarase a cabo a adaptación física do mostrador de atención en conserxería para persoas con discapacidade.

Investimento en accesibilidade
Coa adxudicación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro continúan a aposta do goberno municipal polas actuacións que, en materia de accesibilidade, se están a executar no concello. Así, son máis de 500.000 euros os que xa se investiron en actuacións en varias instalacións do Milladoiro (parque infantil adaptado, oficinas xerais, biblioteca, piscina municipal, Travesía do Porto, e nos pasos de peóns); na Casa do Concello; praza do Concello; e na praza da Maía, en Bertamiráns; así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

Ademais, está previsto que comecen en breve os traballos na rúa Agro do Medio no Milladoiro e, en fase de licitación, están tamén as obras de mellora da accesibilidade no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e as obras de accesibilidade nas rúas do Milladoiro e Bertamiráns a través do plan Impulsa Ames da EDUSI. En breve tamén se licitarán as do pavillón de Bertamiráns.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que hai “un investimento pendente de executar que superará os 400.000 euros, cifras que confirman no actual mandato o maior investimento en accesibilidade na historia de Ames. Deste xeito, queda patente o compromiso deste goberno coas persoas con problemas de mobilidade e discapacitadas”.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Preto de 70.000 euros para a mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo do Milladoiro"
El Correo Gallego: "Aparcamento adaptado e un ascensor para o polideportivo de O Milladoiro"