O vindeiro 26 de abril, a Casa da Cultura do Milladoiro enchese de arrolos e cantos de berce da man de Faia Díaz e Guillerme Fernández a través da actividade “Arrolos de salitre”. Este obradoiro, que estará orientado tanto a familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos como a futuras mamás e papás, contará con dúas sesións, unha ás 17:00h e outra ás 18:00h. A iniciativa busca que as persoas asistentes aprendan novos cantos de berce para transmitirlles afecto ás crianzas a través da lingua e da música. A actividade é gratuíta e as prazas outorgaranse por orde de inscrición. Para inscribirse é necesario enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade, a sesión escollida e un teléfono de contacto.
A programación do Apego continúa no mes de abril co taller Arrolos de Salitre, actividade que regresa a Ames tralo éxito de participación acadado o pasado ano. Nesta ocasión, o obradoiro realizase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 26 de abril, baixo a guía de Faia Díaz e Guillerme Fernández, que imparten este obradoiro de nanas e cantos de berce, no que as familias poderán gozar da música ao tempo que aprenden melodías coas que transmitirlles ás crianzas sensacións como a emoción, o afecto e o apego a través da música e da lingua.
Así, unha vintena de persoas poden participar en cada unha das sesións que se realizan ao abeiro desta actividade, a primeira das cales comezará ás 17.00h mentres que a segunda será ás 18.00h. Esta iniciativa está dirixida a familias que estean agardando un bebé ou con crianzas de 0 a 3 anos. O obradoiro estará baseado nos temas do disco do mesmo nome, Arrolos de Salitre, que contén 11 cantos de berce en galego.
Para participar nesta actividade é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando a sesión escollida, o nome e os apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de contacto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de abril. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215.
O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.