Pestanas principais

O IES do Milladoiro celebra a segunda edición do encontro profesional “Construíndo o meu camiño”

Mércores, 10 de abril de 2019

A ANPA do IES do Milladoiro organiza, coa colaboración do propio centro e o Concello de Ames, a segunda edición do encontro entre profesionais e alumnado “Construíndo o meu camiño”. O obxectivo desta iniciativa é que os mozos e mozas de bacharelato entren en contacto con profesionais das materias do seu interese para descubrir que camiño laboral queren seguir no futuro. Un total de vinte e oito profesionais de distintas ramas do coñecemento daranse cita este venres, 12 de abril, entre as 11.40 e as 14.30 horas no IES do Milladoiro, para falar da súa experiencia laboral.

O IES do Milladoiro acolle nas súas instalacións a segunda edición de Construíndo o meu camiño, un encontro destinado ás alumnas/os de primeiro e segundo de bacharelato que busca servir de ponte entre os mozos/as que deben decidir como encamiñar o seu futuro e profesionais de distintos ámbitos que poden aconsellalos. O evento conta coa presenza dun total de 28 profesionais en activo de diversos ámbitos como sanidade, turismo, educación, artes, informática ou comunicación, entre outros. Os expertos están divididos por temática en nove grupos, o que supón un incremento de participación con respecto ao ano anterior.

O obxectivo deste encontro é que o alumnado que se atopa no instituto poida acceder en persoa á información directa sobre as distintas saídas profesionais ás que poderán optar tralo seu paso polo centro, así como dos posibles futuros profesionais que lles agardan, tanto no ámbito público como no privado. Cada alumno/a poderá acceder a dúas charlas, que el/ela mesmo escolla seguindo as súas preferencias, que os expertos convidados ofrecerán en distintas dependencias do instituto. Ao remate, todo o alumnado confluirá nunha reunión xeral. No achegamento están representadas un gran número de profesións.

Profesionais con ampla experiencia
Durante as últimas semanas, a ANPA do IES do Milladoiro foi lanzando pequenas cápsulas con información das persoas que participan nesta edición de Construíndo o meu camiño a través da súa páxina de Facebook. Publicacións que adiantan os nomes dos profesionais que interveñen no encontro, así como a experiencia que os avala.

Así, o evento conta coa representación dun gran número de profesións.Pódense consultar os nomes das personalidades que asistirán ao acto, así como unha breve presentación de cada un deles, premendo no enlace situado baixo a pestana de descargas desta nova.

Ligazóns

O IES do Milladoiro celebra a segunda edición do encontro profesional “Construíndo o meu camiño”