Pestanas principais

O IES do Milladoiro acolle mañá unha xornada aberta sobre prevención de condutas aditivas na mocidade

Martes, 14 de maio de 2019

A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza este mércores, 15 de maio, unha xornada de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde na adolescencia. O evento, que terá lugar no salón de actos do IES do Milladoiro, estará aberto a todos/as os/as membros da comunidade educativa amesá. O obxectivo desta iniciativa será ofrecer aos asistentes información profesional sobre os distintos tipos de adiccións da man de varios especialistas, así como analizar os resultados acadados no estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá realizado pola USC no concello. Mediante esta xornada, buscase reforzar o traballo realizado nos últimos tres anos ao abeiro do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar.

A xornada comeza ás 16.00h cun acto de apertura presentado polas técnicas municipais de Servizos Sociais e Sanidade, que da paso a un ciclo de tres relatorios sobre as adiccións e a prevención. O primeiro deles ofrecerao o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rial, coordinador á súa vez do Estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá realizado entre o alumnado de 5º de primaria a 2º de bacharelato dos centros escolares de Ames. Dita charla leva como título Adiccións tecnolóxicas e os adolescentes ¿é para preocuparse?

A continuación, entre as 17.00 e as 17.45h, é a quenda de Manuel Isorna, profesor da Universidade de Vigo e responsable da área de prevención do Concello de Catoira, que conduce a charla Drogas emerxentes e sumisión química ¿mito ou realidade?. O ciclo péchao a intervención de Belén Montesa, psicóloga experta en adicción e prevención familiar, na que fala sobre como facer prevención, tanto dende un enfoque ambiental ata o traballo de campo en aulas e fogares.

Despois deste primeiro bloque, entre as 19.00 e as 19.30h, ten lugar a presentación dos resultados do Estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá, elaborado polo equipo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-PSICOM) e o Concello de Ames. Durante media hora, analizaranse os resultados acadados no concello, sen perder de vista op papel que pode xogar a prevención. En última instancia, a xornada pecharase cun coloquio sobre ditos resultados, que se estenderá entre as 19.30 e as 20.00h.

A través desta iniciativa buscase trasladar os datos acadados aos pais, nais, titores, equipos directivos de orientación, profesorado de Ames e todo aquel que se queira achegar, posibilitando que varios especialistas lles ofrezan información de primeira man sobre un tema sobre o que levan traballando nos tres últimos cursos ao abeiro do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar.

Programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar 2018/19
Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames, a través da concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, puxo en marcha unha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar no curso 2018/19. Na iniciativa participou o alumnado que está a cursar entre sexto de primaria e cuarto da ESO nas escolas de Barouta, A Maia, Agro do Muiño, Ventin, IES Milladoiro e IES Bertamiráns. No que vai do curso escolar 2018/19, participaron nesta programa un total de 840 alumnos/as e as súas familias e 31 docentes.

No total, os mozos/as participaron nun total de 190 horas de sesións, que estiveron divididas nunha media de cinco sesións por grupo adaptadas á idade dos participantes e ás circunstancias particulares de cada equipo, seguindo o modelo de habilidades para a vida, explorando conceptos como a autoestima, a presión de grupo, as habilidades sociais e as distintas adiccións. Ademais, destinouse unha vintena de horas a sesións con profesores, tanto titores como membros dos equipos directivos e de orientación, un un total de 24 horas de traballo con familias. Por outra banda, tamén se impartiron 45 sesións dunha hora sobre educación afectivo sexual, con contido e metodoloxía adaptada a cada nivel e idade.

O IES do Milladoiro acolle mañá unha xornada aberta sobre prevención de condutas aditivas na mocidade

Multimedia

  • O IES do Milladoiro acolle mañá unha xornada aberta sobre prevención de condutas aditivas na mocidade