Pestanas principais

Ames presenta este xoves a web #galegoempresas para visibilizar empresas ou negocios que frecen produtos ou servizos en galego

Martes, 04 de xuño de 2019

O salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns acolle este xoves, 6 de xuño, a presentación de #galegoempresas, unha plataforma web gratuíta posta en marcha a primeiros de febreiro polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo para darlles maior visibilidade ás empresas ou negocios da contorna que ofrezan produtos e/ou servizos en galego. As empresas e negocios poden publicitarse de xeito gratuíto nesta plataforma e o público en xeral poden acceder á web para coñecer información destas empresas como localización, horarios, descrición dos servizos e produtos que ofrece, datos de contacto. O acto de presentación será aberto tanto para o público en xeral como para o empresariado interesado en coñecer esta nova ferramenta de difusión.

Mediante esta plataforma, os concellos de Ames, Teo e Santiago de Compostela buscan poñer en valor os negocios que utilizan, en maior ou menor medida, o galego durante o desempeño da súa actividade. Para isto, #galegoempresas ten como obxectivo facilitarlle ao público o coñecemento e o acceso á oferta en galego no sector socioeconómico, ao tempo que recompensa a responsabilidade social das empresas ou negocios que usan este idioma cunha maior difusión e visibilidade dos seus produtos ou servizos. Ademais, esta iniciativa permite dispoñer de datos sobre o uso da lingua de cara a mellorar as actuacións de dinamización lingúística que se realizan neste ámbito desde o eido municipal.

Co obxectivo de visibilizar e difundir esta ferramenta o Concello de Ames organiza este xoves, 6 de xuño, a presentación da plataforma web #galegoempresas no salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns. Así, a partir das 16.00 horas, realizarase unha breve exposición dos obxectivos que impulsan este proxecto, así como das posibilidades que ofrece a plataforma, tanto para as persoas usuarias como para os establecementos e negocios interesados en coñecer esta nova ferramenta gratuíta.

As empresas interesadas incorpóranse á web cun procedemento sinxelo, que comeza ao  acceder á plataforma http://galegoempreas.santiagodecompostela.gal e cubrir o formulario de autodiagnose. Unha vez que sexa validado polo servizo de normalización lingüística municipal, reciben unha mensaxe para que completen a información coa que se queren presentar publicamente, como o logo, datos de contacto, descrición, imaxes, web, redes sociais. A partir dese momento, a súa ficha está dispoñible para o público xeral cos datos que as empresas queiran facer públicos para difundirse e cunha valoración da porcentaxe de uso do galego que ofrecen.

Calquera persoa que consulte a páxina pode realizar buscas por localización xeográfica e por sector, ou atopar o establecemento do seu interese de maneira directa para ter todos os seus datos de contacto á man. Asemade, ademais das fichas de empresas e da información necesaria para incorporarse, a web de #galegoempresas facilítalles aos negocios ou empresas o acceso a recursos lingüísticos en liña que lles van ser útiles para resolver as dúbidas lingüísticas que poidan ter. A plataforma complétase cun pequeno argumentario e con vídeos explicativos sobre as vantaxes que os negocios poden obter do uso do galego e con experiencias de empresarios/as e que xa teñen incorporada a lingua ao seu modelo comunicativo.

 Ligazóns:
Imaxe promocional #galegoempresas

Multimedia

  • Logo #galegoempresas