- Tematica
Este luns, 10 de xuño, abre o prazo de inscrición para os primeiros cursos de natación deste verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. En agosto realizaranse unha nova serie de cursos da mesma temática, para os que será necesario inscribirse entre o 9 e o 19 de xullo. Os obradoiros terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude para os cursos de natación.
Coa chegada do verán comeza o prazo de inscrición para os cursos de natación do mes de xullo. Así, dende este luns ata o vindeiro día 21 de xuño, todas e todos aqueles interesados en participar nalgunha das cinco quendas que organizadas en función da idade poderán anotarse no mesmo. Porén, as persoas que prefiran acudir aos cursos de natación que se impartirán en agosto deberán realizar a inscrición entre o 9 e o 19 de xullo. Os cursos están organizados pola Concellaría de Deporte en colaboración coa Deputación da Coruña.
Tanto os cursos de xullo como os do mes de agosto están organizados en función da idade das e dos participantes, polo que ambos manterán os mesmos horarios. Ás 11:15h comezarán as persoas que superen os 10 anos de idade, mentres que ás 12:00h será a quenda daquelas e aqueles entre os 8 e os 9 anos. A continuación, ás 12:45h, entrará na piscina a rapazada cuxa idade estea comprendida entre os 6 e os 7 anos, aos que seguirán os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos a partir das 13.30h, que serán os últimos en mergullarse.
Trámites de inscrición
As inscricións poderán tramitarse tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na Oficina de Deportes de Bertamiráns, situada na Casa do Concello, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para realizala será preciso presentar a solicitude cuberta, xunto con unha fotocopia da tarxeta sanitaria e o impreso de autoliquidación do pagamento selada pola entidade bancaria. No tocante ao prezo, cada familia deberá abonar 20 euros, reducíndose a 10 para segundos membros e a 5 para terceiros e restantes. Asemade, existen bonificacións para os membros das unidades familiares menores de 18 anos.
A folla de autoliquidación poderá solicitarse presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro, na oficina de Deportes de Bertamiráns, nas oficinas de recadación ou no enderezo de correo electrónico ames@canaltributos.com. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para máis información poden enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981535940 ou 619842504.
Ligazóns:
Lindeiros: "Ames prepara os cursos de natación para o verán"
Compostela 24 Horas: "Ames impartirá cursos de natación durante os meses de xullo e agosto"