- Tematica
A nova versión da web municipal inclúe importantes novidades para mellorar e aumentar a información e as posibilidades de comunicación coa veciñanza. Deste xeito, créase unha nova canle de Telegram para poder transmitir información municipal; e un servizo de envío de incidencias de xeito directo a través dun formulario electrónico, no que ademais da incidencia e dos seus datos de contacto poderá achegar imaxes e xeolocalización do incidente. Ademais, con dita renovación mellórase a transparencia municipal, permítese o acceso pleno e funcional á web mediante dispositivos móbiles, modernizouse o seu deseño, ordenáronse os contidos, garántese a accesibilidade e facilítase a integración da web coas redes sociais.
A nova web municipal inclúe novidades no relativo á Comunicación municipal. Accedendo ao apartado de Atención cidadá, información e participación e premendo na opción de Comunicación municipal chégase as diferentes posibilidades que existen de “Medios de comunicación municipais”.
Dentro dos sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda municipal, destacan a canle de RSS; envío de boletíns informativos a través do correo electrónico, e a nova canle de Telegram, creada para informar de avisos e de información de interese municipal (apertura de prazos de inscrición, axenda de actividades, publicación de listas, etc.). Para darse de alta na canle de Telegram hai que buscar Concello de Ames e adherirse. A través da nova web tamén se mellorou o servizo de envío de boletíns, que conta con máis de 3.600 usuarios/as, cun deseño máis atractivo.
Ademais, dentro do apartado de Atención cidadá, información e participación, podemos atopar o servizo de incidencias. De xeito directo, a través dun formulario electrónico, podemos incluír os datos de contacto, achegar imaxes e a xeolocalización do incidente. Tamén se continuará dando información á veciñanza a través das redes sociais: Facebook e Twitter. O Concello de Ames conta en Facebook con preto de 4.000 usuarios/as, mentres que en Twitter hai preto de 1.300 seguidores. Nos últimos anos as redes sociais municipais experimentaron un forte incremento de usuarios/as.
Mediatec@mes
Ademais, púxose en marcha o novo portal da Mediatec@mes. Trátase dun novo espazo multimedia cos vídeos e fotografías máis destacadas do Concello. Neste espazo hai material multimedia catalogado en diferentes espazos: Plenos, eventos, turismo, administración, cidadanía e galería de imaxes. No apartado de plenos habilitarase no futuro a posibilidade de ver os vídeos dos plenos gravados coa aplicación de videoacta. Os eventos do concello terán tamén un gran peso de material multimedia, tanto de vídeos como fotografías.