Pestanas principais

Bugallido ultima os detalles para a celebración das festas de San Pedro

Xoves, 27 de xuño de 2019

Este venres, 28 de xuño, arrincan as festas patronais de San Pedro de Bugallido, cun programa cargado de música e folclore. As orquestras Gran Parada e Ibiza serán as encargadas de marcar o comezo das festas cunha gran verbena nocturna. Ao longo da fin de semana, actuarán na localidade un total de cinco orquestras e dous grupos de gaitas, así como o grupo de folk Milladoiro, que ofrecerá un concerto a noite do sábado.

Trala verbena do venres, na que actúan as orquestras Gran Parada e Ibiza, Bugallido continúa a celebración das festas na honra do seu patrón o sábado. A xornada comezará ás 12.30h cunha misa solemne, á que seguirán unha procesión acompañada polo grupo de gaitas Airiños do paseo de Colón e a sesión vermú, que correrá a cargo da orquestra Paraíso.

Xa de noite, o grupo galego de folk Milladoiro ofrecerá un concerto no campo da festa a partir das 23.00h, durante o que fará un percorrido por algúns dos temas que recolle o seu último traballo discográfico: Atlántico. A continuación, a orquestra Paraíso volverá ao escenario para amenizar a verbena.

O domingo, por outra banda, celebrarase unha nova misa solemne ás 12.30h que será acompañada pola Coral Antonio Santomil, trala que o grupo de gaitas Os Castros conducirá a procesión polos arredores da igrexa. A sesión vermú correrá a cargo do dúo Rosán, que tamén actuará na verbena da noite, onde estará acompañado pola orquestra Los Trovadores.

Festas na honra da Virxe do Carme

Trala celebración do San Pedro, Bugallido despedirase das festas ata o vindeiro 21 de xullo, día no que a parroquia conmemorará as festividades na honra da Virxe do Carme. Ese domingo, o programa comezará ás 12.30h coa realización dunha misa solemne e posterior procesión, acompañada polo grupo de gaitas Os Castros. O dúo Rosán volverá á parroquia para amenizar a sesión vermú e a verbena da noite. Durante a noite, o dúo estará acompañado no escenario pola orquestra Galilea.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Bugallido celebra as súas festas de San Pedro"

cartel festas San Pedro de Bugallido

Multimedia

  • cartel festas San Pedro de Bugallido