Pestanas principais

Este martes ten lugar o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames

Luns, 01 de xullo de 2019

O Salón de Plenos da Casa do Concello acollerá este martes, 2 de xullo, a sesión plenaria extraordinaria de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames. A sesión, que comezará ás 20,30 horas, servirá para determinar, entre outros asuntos, a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local e a creación e composición das comisións informativas e permanentes.

O Pleno abordará tamén o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados competencia de Pleno, as delegacións do pleno na Xunta de Goberno Local, a dotación de medios en favor dos grupos políticos, a creación de postos de traballo de persoal eventual de confianza e a asignación de dedicacións exclusivas e parciais. Asemade, durante a sesión darase conta da constitución dos grupos políticos municipais e das resolucións sobre o nomeamento dos e das tenentes de alcalde, dos/as membros da Xunta de Goberno Local, e da creación de concellarías delegadas e delegacións conferidas.

En función das resolucións, José M. Miñones Conde disporá das competencias relacionadas coa Alcaldía e coa área de urbanismo; David Santomil seguirá sendo o concelleiro de Educación; José Blas García Piñeiro tamén continuará sendo o concelleiro delegado de Obras e Servizos básicos; Genma Otero Uhía volverá a ser concelleira de Economía e Facenda e Luísa Feijóo Montero repetirá como concelleira delegada de Benestar Social. Ana Belén Paz García encargarase da Concellaría de Promoción Económica, mentres que Natividade González Rodríguez foi nomeada concelleira de Cultura e Tecnoloxías da comunicación. Susana Señorís Rodríguez levará a Concelleira de Deportes e Atención veciñal; Manuel Lens Cernadas será o concelleiro de Transición ecolóxica e Medio rural; Beatriz Martínez Domínguez encargarase da concellería de Mobilidade; Víctor Manuel Fernández Prieto levará a concellaría de Administración Xeral; Escarlata Pampín López será concelleira de Mocidade e Normalización lingüística; e  Vanessa Vidal Freire será concelleira de Transparencia.

Tenencias de alcaldía e Xunta de Goberno Local

O primeiro tenente de alcalde é David Santomil; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a Blas García; a terceira tenente de alcalde é Genma Otero; a cuarta tenencia de alcaldía é para Luísa Feijóo; a quinta tenente de alcalde é Ana Belén Paz García; e a sexta tenencia de alcaldía é para Natividade González Rodríguez.

A Xunta de Goberno Local estará composta por José Miñones, que na súa calidade de alcalde actuará como presidente, Luísa Feijóo, Blas García, Ana Belén Paz, David Santomil, Natividade Gónzález e Genma Otero. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 13.00 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno e organización.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Ames prepara hoxe a sesión plenaria para sentar as bases para a nova corporación municipal"

Casa do Concello en Bertamiráns