- Tematica
Preto de 100 persoas acudiron este xoves, 4 de xullo, á festa de fin de curso do programa de envellecemento activo Amessan, celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os e as asistentes puideron gozar das actuacións dos grupos de panderetas de Ameixenda, Bugallido, Lens e Trasmonte; así como dunha exposición de pezas elaboradas polo alumnado dos obradoiros de manualidades. Ao acto acudiron representantes do goberno municipal. O final do acto estivo marcado pola emotiva entrega de ramos ás monitoras/es voluntarias que participaron no programa durante o curso.
O programa Amessan é unha iniciativa de envellecemento activo destinada a persoas maiores de 60 anos e/ou con algunha discapacidade, que inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de manualidades, así como obradoiros de música tradicional e de memoria. O curso 2018-19 estendeuse entre os meses de outubro e xuño, e nel participaron preto de 500 persoas, a maioría das cales participaron tamén na festa fin de curso que tivo lugar este xoves, 4 de xullo, a partir das 19.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Durante o evento, os/as asistentes puideron gozar das actuacións dos grupos de pandeireta de Ameixenda, Bugallido, Lens e Trasmonte, no que cada un deles tocou catro pezas propias, ademais de dúas comúns. O grupo da Ameixenda interpretou as pezas Xota e muiñeira de Pigarzos, Pasodoble de Gargamala, Canto de Carantoña e Punteada de Folgoso, e Muiñeira de Toutón; mentras que Bugallido tocou Danza e valse das Cortellas, Canto de Barilongo, Pateado da Ponte e Muiñeira do Canizo.
Pola súa banda, Lens executou Ribeirada de Lira, Canto e danza Painceiros, Aña de Xabazáns e muiñeira, e Xota de Liñares. Asemade, o grupo de Trasmonte interpretou Canto e muiñeira de Reboredo, Xota e pasodoble de Berdeogas, Pandeiretada de Outes e Xota e pasodoble de Liñares. No tocante ás pezas conxuntas, os/as membros dos catro grupos executaron Foliada de Nadela e Muiñeira corrida de Carballo.
Ademais da música tradicional, o acto tamén se caracterizou pola emotividade, que chegou ao seu punto álxido coa entrega de ramos ás monitoras/es voluntarias, encargadas de impartir os obradoiros ao longo do curso. A continuación proxectouse un vídeo-resume das actividades e do alumnado que formou parte do programa durante os nove meses de curso. O evento rematou cunhas emotivas palabras por parte da antiga concelleira de Voluntariado , Isabel González.
Luísa Feijóo, actual concelleira de Benestar Social, que inclúe o departamento de Voluntariado, resalta o pulo que se lle quere dar a estas actividades para os vindeiros cursos. Así, a concelleira sinala que “aínda que o noso Concello é un concello moi novo, non nos podemos esquecer da poboación que xa supera a barreira dos 50. Temos que ter en conta as súas necesidades e demandas ofrecéndolles alternativas de ocio e envellecemento activo que sexan atractivas e, ao mesmo tempo, que os manteña activos, tanto para o rural como para Milladoiro e Bertamiráns”. Asemade, a concelleira conclúe que “podemos seguir aprendendo deles xa que teñen moito que ensinar e ofrecer”.
Ligazóns:
Compostela 24 horas: "Amessan despídese do curso 2018-19 cunha festa multitudinaria"
El Correo Gallego: "Amessan despediu o curso con actuacións e unha exposición"