- Tematica
Un ano máis o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio acollen durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Nesta edición son 11 as nenas e nenos que están pasando o verán con familias amesás ata o vindeiro 9 de setembro. Estes rapaces e rapazas chegaron a Ames os días 7 e 9 de xullo. Destes 11 nenos e nenas, 6 participan por primeira vez este ano no programa de Vacacións en Paz. Esta mañá foron recibidas/os no salón de plenos da Casa do Concello, onde intercambiaron anécdotas e experiencias. Todos e todas levaron o seu agasallo: mochilas, material escolar, cadernos e un pin.
Ilusionados, así se mostraron as 11 nenas e nenos que está mañá estiveron na Casa do Concello. Como soe ser habitual, a última semana de agosto as rapazas e rapaces que participan no programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, achegáronse coas súas familias de acollida ata o salón de pleno, onde foron recibidas/os polo alcalde e parte dos/as concelleiros/as do goberno municipal.
Jadiyetu, Aichatu, Zahra, Mulay, Jalil, Salma, Handu, Hasanna, Munina, Brahim e Iman son as 7 nenas e 4 nenos que están pasando o verán con familias de Ames dende comezos de xullo. Esta mañá participaron nunha recepción oficial que lles fixo o Concello de Ames. Deste xeito, foron recibidos polo alcalde de Ames, José Miñones, pola concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, así como outros membros do goberno municipal. Neste acto tamén participaron as familias amesás que está acollendo a estes nenos e nenas, así como Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
As 11 nenas e nenos estarán coas familias de acollida ata o vindeiro 9 de setembro. Estes rapaces e rapazas chegaron a Ames os días 7 e 9 de xullo. Destes 11 nenos e nenas, 6 participan por primeira vez este ano no programa de Vacacións en Paz. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos rapaces e rapazas saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a.
Intercambio de experiencias e anécdotas
Este acto, que normalmente se realiza a última semana de agosto, serve para intercambiar experiencias e coñecer como foi a estadía destes nenos e nenas en Ames. Todos eles coincidiron en enumerar a praia, as festas e a comida, como aquilo que máis lle gusta das súas vacacións. Tamén lle deron as grazas ao Concello e as súas familias de acollida por ofrecerlles a posibilidade de participar no programa Vacacións en Paz.
O alcalde, José Miñones, deulle as gracias as familias acolledoras “porque sen vós este programa non sería posible. Hoxe é un día de ilusión para estas nenas e nenos porque lles gusta vir á Casa do Concello, pero tamén para nós porque nos agrada velos así de contentos e felices. Seguiremos colaborando con SOGAPS e coas familias. Agora o reto que temos é conseguir que para a próxima edición veña algún neno ou nena máis que este este ano. Agardo de que gozarades da vosa estancia en Ames”.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, tamén agradeceu a SOGAPS o traballo que realiza ao longo do ano para poder desenvolver o programa Vacacións en Paz e as familias “por abrir as cosas casas a estas nenas e nenos para que poidan pasar uns meses con vós. Se este programa existe é porque aínda o Sáhara non é libre, que é o que todos/as quixésemos. Aínda que hoxe é un día de ilusión, como o alcalde dicía, para algunhas e algúns de vós tamén é de tristura porque a vosa estadía en Ames está rematando. Aínda así levaredes para os vosos campamentos un anaco de Ames e aquí quedará un cachiño voso ata que o próximo ano volvades”.
Ames referente polo número de acollidas
Por último, a representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí aproveitou a ocasión para, en nome de SOGAPS, agradecerlle as familias “por unirvos a este proxecto”. Tamén agradeceu ao Concello de Ames que se convertese nos últimos anos nun referente en canto á participación neste programa.
Para Esther Ibarra, se ben é certo que este Concello sempre acolleu, neste momento é un referente en canto ás facilidades que ofrece á SOGAPS na cobertura das súas experiencias, así como nas actividades que propón. Tamén tivo unhas palabra para os nenos e nenas, a través das que expresou o cariño que lles teñen as familias de acollida, ao tempo que lles desexou que volvesen ben aos campamentos e puidesen contarlles ás súas familias as súas vivencias.
Ligazóns:
Compostela 24 horas: "Ames volve a ser, un ano máis, referente para acoller a nenos saharauís"