- Tematica
Con motivo da conmemoración do Día Mundial do Cooperante, que se celebra o día 8 de setembro, o Concello de Ames organizou unha serie de actividades que se van a desenvolver ao longo deste mes de setembro. Deste xeito, as exposicións Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e Ames Coopera, que recolle diferentes fotografías das viaxes de cooperación realizadas por tres traballadores/as do Concello de Ames, estarán expostas nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, o sábado, 21 de setembro, a partir das 17.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, celebrarase un novo Encontro Intercultural.
O día 8 de setembro celébrase o Día Mundial do Cooperante e o Concello de Ames, socio Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, elaborou un programa específico de actividades para conmemorar esta data. Deste xeito, durante o mes de setembro vanse desenvolver diversas actividades para poñer en valor a gran labor dos/as cooperantes, homes e mulleres que dedican o seu tempo e a súas capacidades a busca e consecución dun mundo máis xusto traballando polo desenrolo sostible e a loita contra a pobreza nas zonas máis vulnerables.
Dende este luns, 2 de setembro, e ata o día 15 de setembro, está exposta na Casa da Cultura de Bertamiráns a mostra Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau. Posteriormente, esta mostra estará do 16 ao 30 na Casa da Cultura do Milladoiro. A mostra Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau reúne vinte instantáneas que buscan poñer en valor a visión feminina da contorna. As autoras captaron coa súa cámara desde situacións cotiás ata a repercusión que os proxectos de cooperación internacional teñen nas súas vidas, ao facilitarlles o abastecemento de auga. Ao tempo, as e os espectadores empatizarán coa realidade do país lusófono desde o punto de vista da súa poboación, concretamente das mulleres, que loitan por seguir avanzando en condicións moitas veces pouco favorables.
Por outra banda, este venres, 6 de setembro, ás 17:00 horas, realizarase a inauguración da exposición Ames Coopera, que recolle diferentes fotografías das viaxes de cooperación realizadas por tres traballadores/as do Concello de Ames, Leonardo Pena, Sonia Moure e Alberto Viaño, a distintos países. Esta mostra estará na Casa da Cultura do Milladoiro dende o 6 ata o 15 de setembro, e do 17 ao 30 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os centros escolares que o soliciten tamén poderán contar con esta exposición nas súas instalacións.
Experiencias de cooperación
Cómpre lembrar que o técnico de mediadición intercultural, Leonardo Pena, estivo nos anos 2005 e 2006 no municipio de San Carlos Alzatate, de Guatemala, onde o Concello de Ames financiou con 9.000 euros a rehabilitación dunha céntrica rúa na cidade guatemalteca. Os traballos executados supuxeron unha mellora significativa nas infraestruturas da zona, nas que as choivas torrenciais dificultaban enormemente as comunicacións entre os núcleos de poboación.
Posteriormente, en 2016 a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, estivo no arquipélago de Cabo Verde, para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Alí apoiou o impulso ao turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, tarefa que a levou a visitar varias illas.
Ademais, en 2018 o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio naceu despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.
Encontro intercultural
Por último, o sábado 21 de setembro, a partir das 17.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, celebrarase en Ames un novo Encontro Intercultural, organizado pola Concellaría de Benestar Social, co obxectivo de promover a interculturalidade entre a veciñanza mediante o intercambio de saberes, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través da gastronomía de cada país.
Estes Encontros naceron no 2008 ligados ás clases de castelán e galego, que o Concello imparte ás persoas migrantes de Ames. Actualmente, a iniciativa é aberta a toda a veciñanza. Durante o transcurso de dita celebración farase unha visita guiada á exposición Mindjer di Guiné: Miradas desde Guinea-Bissau.