Pestanas principais

O alcalde e a concelleira de Benestar Social reúnense coa conselleira de Política Social da Xunta de Galicia

Xoves, 26 de setembro de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, foron recibidos este pasado martes, 24 de setembro, pola conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García. Nesta reunión abordaron asuntos de interese para Ames, como por exemplo seguir ampliando as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), reforzar o apoio aos servizos sociais municipais a través do Plan Concertado, o desenvolvemento dun programa de inclusión, e a posible posta en marcha dun Centro social para os maiores.

Nesta reunión abordaron varios asuntos de interese para Ames, como por exemplo seguir ampliando as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que dende o Concello se ofrece en dúas modalidades: libre concorrencia, que xestiona directamente o Concello, e maila modalidade de dependencia. No Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Tamén se falou do programa Xantar na Casa, que se basea na entrega de menús preparados para toda a semana a persoas con déficit de autonomía, maiores, dependentes ou persoas en situación ou en risco de exclusión, que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmas. Trátase dun servizo cofinanciado polas administracións e as persoas beneficiarias, no que a Xunta de Galicia sufraga aproximadamente o 50% do importe de cada menú, outro 25% o paga o Concello e o 25% restante o usuario ou usuaria.

Por outra banda, falouse da posible posta en marcha dun programa de inclusión que dende o goberno municipal queren desenvolver no lugar de Castiñeiro do Lobo. Trataríase de acadar o financiamento necesario para dispor dun servizo de transporte para achegar á veciñanza de Castiñeiro do Lobo ás actividades que desenvolve o Concello de Ames como son os programas de reforzo educativo, escolas deportivas, obradoiros de empoderamento feminino, etc. Deste xeito, favoreceríase a inclusión destas persoas que residen en Castiñeiro do Lobo.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou a boa sintonía e relación institucional existente. É de agradecer a boa disposición que sempre amosan dende a Consellería de Política Social cara as demandas e necesidades do noso concello, entendendo perfectamente as dificultades e necesidades as que nos enfrontamos no día a día dende a área de Benestar Social, para poder atender do mellor xeito posible ás demandas dos nosos veciños e veciñas”.

Centro social para os maiores
Outro dos asuntos tratados foi a posta en marcha dun Centro social para os maiores, que parta da colaboración entre distintas administracións públicas. Nestas instalacións integraríanse os servizos sociais sociocomunitarios de atención primaria e atención específica aos maiores, para intentar ter un trato máis próximo a este sector da poboación. Ademais, polas tardes neste centro impartíanse actividades de envellecemento activo e outro tipo de actividades lúdicas dirixidas ás persoas da terceira idade. Tamén serviría como centro de xuntanza, reunión e de referencia para os maiores. Ademais, trataríase de dotar a este Centro social para os maiores de outros servizos como obradoiros de memoria, fisioterapia e servizos especializados.
 
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que se tratou dunha xuntanza “moi positiva que permitiu trasladar as necesidades do Concello de Ames no tocante aos servizos sociais. Un dos asuntos tratados foi a posta en marcha dun Centro social para os maiores, que permita levar a cabo a atención dos nosos maiores cos programas de atención municipais e servizos especializados de saúde. A construción deste novo edificio albergaría tamén os Servizos Sociais municipais co obxectivo de centralizar a xestión administrativa e os servizos de atención aos maiores nestas instalacións”.

O alcalde e a concelleira de Benestar Social reúnense coa conselleira de Política Social da Xunta de Galicia