Pestanas principais

Dúas sesións de contacontos abren esta semana as actividades das bibliotecas para o último trimestre do ano

Luns, 30 de setembro de 2019

As bibliotecas de Ames xa contan coa programación de actividades para o último trimestre do ano. Esta semana comezan as mesmas coa celebración de dúas sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. A compañía Eduvía achegará ás biblitecas amesás o seu espectáculo Dadá el duende, co que os pequenos e pequenas da casa poderán gozar dos contos nos que se traballan valores como a convivencia e a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. Haberá unha sesión o mércores, 2 de outubro, na Biblioteca do Milladoiro, e outra o xoves, 3 de outubro, na Biblioteca de Bertamiráns. Ambas sesións comezarán ás 17:30 horas.

O mes de outubro contempla a realización doutras cinco sesións de contacontos e un obradoiro creativo para nenos e nenas de 3º a 6º de primaria. Así, o mércores 16 na biblioteca de Bertamiráns, e o  xoves 17 na biblioteca do Milladoiro, os nenos e nenas poderán desfrutar dos Contos que veñen e van, con historias tradicionais e actuais onde as voces e os xestos de Pavís Pavós son os elementos principais para transmitilas. A sesións comezarán ás 17:30 horas.

Esa mesma semana desenvolverase un obradoiro creativo para nenos e nenas de 3º a 6º de primaria, baixo o título Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína. Será o veres 18 na biblioteca do Milladoiro, ás 17:00 horas, e o sábado 19 na biblioteca de Bertamiráns, ás 11:00 horas. Para participar desta actividade é necesario inscribirse. Os interesados e interesadas pódeno facer, do 1 ao 15 de outubro, nas  bibliotecas municipais, nos teléfonos 981 530 807 e 981 884 829, ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Hai quince prazas dispoñibles.

A Biblioteca do Milladoiro acollerá o xoves 24 de outubro, unha nova sesión de contacontos ás 17:30 horas. Desta volta, chegan os Contos do dereito e do revés, unha actividade de dinamización lingüística e de sensibilización contra a violencia de xénero a través da narración de contos tradicionais e de obras de creación contemporánea. As sesións de contacontos do mes de outubro pecharanse coa actividade Diagnosticando a igualdade, que se desenvolverá o martes 29 na Biblioteca do Bertamiráns, e o mércores 30 na Biblioteca do Milladoiro. Ambas sesións serán tamén ás 17:30 horas.

Novembro
As actividades das bibliotecas para o mes de novembro abriranse cunha nova sesión de contacontos, o mércores 13 na Biblioteca do Milladoiro e o xoves 14 na Biblioteca de Bertamiráns. Será coas Lembranzas da Carolina, un conto teatralizado coa compañía Menos dá unha pedra. Ambas sesións comezarán ás 17:30 horas.

Ademais, desenvolverase un obradoiro creativo para nenos e nenas de 3º a 6º de primaria, baixo o título Búscanse Valentes. Inspiración poética. Será o veres 22 na biblioteca do Milladoiro, ás 17:00 horas, e o sábado 23 na biblioteca de Bertamiráns, ás 11:00 horas. Para participar desta actividade é necesario inscribirse. Os interesados e interesadas poderano facer, do 4 ao 18 de novembro, nas  bibliotecas municipais, nos teléfonos 981 530 807 e 981 884 829, ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Hai quince prazas dispoñibles.

Dúas novas sesións de contacontos, desta volta a través dos Contos sobre a igualdade por Ana Hermida, pecharán as actividades do mes de novembro. Contando en feminino desenvolverase o mércores 27 na Biblioteca do Milladoiro, e o xoves 28 na Biblioteca de Bertamiráns, no horario habitual das 17:30 horas.

Decembro
Para o mes de decembro contámplase a realización de dúas novas sesión de contacontos para os nenos e nenas amesás. Antes das vacacións de Nadal, os os pequenos e pequenas poderán gozar do contacontos Parabéns para ti …, que se desenvolverá o mércores 11 na Biblioteca de Bertamiráns e o xoves 12 na Biblioteca do Milladoiro. Ambas sesións darán comezo ás 17:30 horas.

Contacontos cartaz

Multimedia

  • Actividades bibliotecas