- Tematica
Este martes, 1 de outubro, arranca unha nova edición do curso de español para estranxeiros, que, por oitavo ano consecutivo, será impartido pola voluntaria Matilde Fernández. Asemade, a actividade terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns todos os martes e xoves, en horario de 12.00 a 13.30 horas, entre os meses de outubro de 2019 a finais de xuño do 2020.
O obxectivo desta iniciativa, que nas anteriores edicións gozou de gran demanda, é a de ofrecer un apoio lingüístico a todas aquelas persoas que residen no concello pero non teñen o castelán ou o galego como linguas maternas. Por este motivo, o temario tentará axustarse ao nivel de castelán dos alumnos e alumnas.
Por outro lado, o curso conta con 15 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Para inscribirse ou recibir máis información, pode acudir á Oficina Municipal de Voluntariado (OVA), situada nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.