Pestanas principais

Primeira xuntanza no concello de Ames do programa Contramapas do camiño - Memorias do habitar

Martes, 08 de outubro de 2019

Este mércores, 9 de outubro, ás 18.30 horas, terá lugar a primeira xuntanza do programa Contramapas do camiño. Memorias do habitar no local social de Augapesada (na parroquia de Ames). Trátase dun programa no que participa a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cos concellos da comarca (Teo, Ames, Touro e Santiago de Compostela) para a promoción dos diferentes Camiños da Ruta Xacobea. Nesta xuntanza participarán Candela Rajal e Estela Freire, representantes do grupo de investigación Liter 21 que se encarga de desenvolver o proxecto, e Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social do Concello de Ames.

Esta xuntanza forma parte da primeira xornada do proxecto, na que se busca reunir a un colectivo de veciños e veciñas do concello co obxectivo de recopilar información sobre o que é, foi e será a vida ligada aos diferentes Camiños da Ruta Xacobea (neste caso, o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía).

Contramapas do camiño. Memorias do habitar forma parte dunha proposta de acción para a recuperación e posta en valor do patrimonio que se encontra ligado aos territorios rurais da contorna de Santiago polos que discorren os diferentes camiños da Rede Xacobea (Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño a Fisterra, Camiño Portugués, Camiño do Holandés).

O obxectivo deste proxecto é facer unha reflexión sobre o estado ético e social dos diferentes camiños da Rede Xacobea, desenvolvendo obradoiros que liguen as comunidades de veciños dos territorios que conforman a comarca (Teo, Ames, Touro e Santiago de Compostela) con educación artística e patrimonial. O programa seguirá desenvolvéndose en outras tres accións con diferentes obradoiros que concluirán cunha memoria final do proxecto que será accesible e de uso aberto.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “é unha proposta de acción para a recuperación e posta en valor do patrimonio natural, material e inmaterial ligado ao noso rural por onde discorren os diferentes Camiños que conforman a Rede Xacobea”.

Cartel do programa Contramapas do Camiño. Memorias do habitar

Multimedia

  • Cartel do programa Contramapas do Camiño. Memorias do habitar