Pestanas principais

Abre o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria de axudas dirixida ás familias numerosas de Ames

Luns, 21 de outubro de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que este luns, 21 de outubro, saíu publicada, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros, sendo de 1.200€ o máximo do importe individual concedido a cada unidade familiar. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral, de xeito presencial, ou a través da Sede electrónica, no prazo dun mes. O prazo para presentar as solicitudes remata o xoves 21 de novembro de 2019. Para obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 e 981 890 964.

Desde hoxe, xa é posible presentar a solicitude para participar da convocatoria de axudas dirixida ás familias numerosas do concello de Ames. A través desta liña de axudas, a Concellaría de Benestar Social busca apoiar a este tipo de familias, fixando ao mesmo tempo poboación no concello e potenciando un crecemento demográfico sostido no tempo. A contía total destinada a esta convocatoria é de 120.000 euros, sendo o importe individual das achegas concedidas ás familias dun máximo de 1.200 euros.

Poden optar a estas subvencións as familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no Concello de Ames, de maneira ininterrompida desde hai polo menos un ano. Outro dos requisitos para a concesión destas axudas é o de estar en posesión do título de familia numerosa no momento da solicitude. Ademais, todas as fillas e fillos deberán formar parte da unidade de convivencia, salvo por razóns académicas que lles esixan vivir noutro domicilio. No caso de nulidades, separacións ou divorcios, a persoa receptora da prestación será aquela coa custodia das fillas e fillos.

Se un dos proxenitores está traballando fóra de Galicia e, polo tanto, non está empadroado en Ames, este deberá acreditalo cunha copia do contrato de traballo e un certificado de empadroamento no lugar de residencia. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Unha condición que tamén se lle aplica ás titoras e titores de menores de idade. De ningunha forma, poderán ser beneficiarias destas axudas persoas privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos. Cando unha mesma ou mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, a axuda só será concedida á persoa que ostente a custodia.

Os requisitos referidos á renda varían en función do número de membros de cada unidade familiar. As familias solicitantes das axudas non deberán superar os 14.108,01€ anuais, no caso de teren 3 fillos, os 16.734,20€ no caso de teren 4, os 18.990,57€ de teren 5, os 21.168,97€ de teren 6, os 23.227,84 de teren 7 e os 25.274,65 de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73 adicionais por membro. O importe abonado en concepto de alugueiro ou hipoteca pola residencia habitual, deducirase dos ingresos netos de cada unidade familiar, establecendo un máximo de 6.000 euros anuais. Para poder optar a estas axudas, a totalidade dos integrantes de cada familia deberán estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes, de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede electrónica, será dun mes dende a publicación do extracto da convocatoria no BOP. En caso de finalizar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. As persoas solicitantes deberán entregar xunto coa solicitude de subvención, a autorización tributaria para a cuantificación da capacidade económica da unidade familiar e a declaración responsable. Do mesmo xeito, tamén deberá ser entregada unha fotocopia compulsada do DNI/NIF ou de calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante, unha fotocopia compulsada do título de familia numerosa en vigor e un documento bancario onde se indique o número de código IBAN da conta onde haxa que efectuar o ingreso da subvención (indicando o titular da conta, que deberá coincidir coa persoa solicitante da axuda).

De ser o caso, tamén se deberá entregar unha copia compulsada do auto de medidas provisionais, da sentenza de nulidade, separación ou divorcio, así como do convenio regulador ou da sentenza de modificación de medidas; unha fotocopia compulsado do documento acreditativo da condición de titora ou titor da ou do menor; ou unha fotocopia compulsada dos xustificantes de pagamento do alugueiro ou da hipoteca dunha vivenda do ano obxecto da convocatoria (2018). Para obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 e 981 890 964.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE SOLICITUDE DAS AXUDAS DIRIXIDAS ÁS FAMILIAS NUMEROSAS

Abre o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria de axudas dirixida ás familias numerosas de Ames