- Tematica
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Medio Rural e Turismo, Manuel Lens, e a técnica de Turismo do Concello de Ames, Sonia Moure, participaron esta semana nunha xuntanza con representantes da Deputación da Coruña e do Concello de Brión para a posta en marcha dos actos de conmemoración da Batalla de Altamira. O día 13 de xuño de 1471 foi o día en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar no entorno da Ponte Maceira e, con posterioridade, ao pé das Torres de Altamira, un acontecemento histórico que os Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña -propietaria do monumento- queren conmemorar con especial atención de camiño ao ano 2021, cando se conmemoren os 550 anos deste acontecemento histórico.
A Deputación da Coruña, a través da área de Contratación e Patrimonio que dirixe Xosé Lois Penas, está realizando un estudo por parte de persoal técnico para analizar as posibilidades de actuación para a mellora do ben patrimonial, do contorno, da súa posta en valor e tamén do acondicionamento para posibles novos usos, entre as que se inseriría a conmemoración do aniversario da batalla. Así, a celebración do 550 aniversario da Batalla xirará arredor das Torres de Altamira e inserirase dentro dun proxecto global que se prepara arredor do monumento con esas consideracións.
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Medio Rural e Turismo, Manuel Lens, destacou que foi “unha xuntanza produtiva na que todas as partes estamos en consonancia coa necesidade de dar un pulo ao noso patrimonio e á nosa historia. A contorna da Ponte Maceira é un legado que debemos conservar e potenciar, e un bo xeito de facelo pasa tamén por facernos partícipes dos actos de conmemoración da Batalla de Altamira”.
Xosé Lois Penas, pola súa banda, manifestou ao término da xuntanza que “a proposta pasa por encaixar a conmemoración e os actos que se desenvolvan arredor dese acontecemento histórico no proxecto integral para a mellora, acondicionamento, novos usos e posta en valor das Torres de Altamira, que forman parte do patrimonio da Deputación da Coruña”.
As Torres de Altamira, un Ben de Interese Cultural
Cabe recordar que a Batalla de Altamira tivo lugar no ano 1471 en diversos escenarios, varios deles en territorio amesá, no que destacou o entorno da Ponte Maceira. A súa orixe remóntase ao desexo de Lopo Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, de reconstruír as Torres. Pero este atopouse co enfado do arcebispo de Santiago, que se opoñía ao castelo ás aforas de Santiago.
As Torres, que están consideradas como un Ben de Interese Cultural, están situadas nun espazo privilexiado que as converte nun magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. A edificación chegou a contar con seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, ao que se incorporou no fin do século XVI por encargo do V Conde de Altamira á capela dos Reis Magos, onde eran soterrados en panteóns os nobres propietarios. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo.
A Casa de Altamira vendeu as torres en 1872 e boa parte das pedras e distintos elementos arquitectónicos que a compuñan foron dar a distintas casas e construcións veciñas, como a propia capela de Santa Minia, destruíndose tamén a propia torre da homenaxe. Xa no ano 1973, a Deputación da Coruña mercou a propiedade, iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres, xunto algunhas ventás con arcos que datan da reconstrución de 1471.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "A Batalla de Altamira terá a súa conmemoración"
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames participará dos actos de conmemoración da Batalla de Altamira"