Pestanas principais

Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro son os galardoados co premio Lingua e Empresa de 2019

Sábado, 23 de novembro de 2019

O xurado do Premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo e repartir o importe económico a partes iguais entre tres empresas: Petiscos Gastrobar de Bertamiráns, Cenlitrosmetrocadrado do Milladoiro e Escola de Estudos Musicais Allegro tamén do Milladoiro.

Trátase da segunda edición deste premio posto en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica coa finalidade de promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

Nesta edición presentáronse 12 empresas de moi diferentes ámbitos: hostalaría, centros visuais e auditivos, clínicas dentais, estudos fotográficos, escolas musicais, parques infantís, despachos xurídicos, xestorías, empresas vinculadas con servizos educativos, de ocio e de conciliación laboral e persoal, comunicación e deseño, artes gráficas etc.

O xurado estivo formado por Felix Caramés Blanco, técnico da Unión de Consumidores de Galicia; Xosé Antonio López Silva, profesor do IES de Ames, e Jorge López Penas, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.

O uso do galego no tecido socioecomómico sempre suma
Os membros do xurado destacaron a responsabilidade social, o gran traballo e a alta calidade de todos as empresas candidatas ao Premio Lingua e Empresa, dado que todas elas están a desenvolver un gran labor a prol da normalización dos usos lingüísticos en galego no ámbito empresarial e, máis concretamente, no sector en que cada empresa se insire. Ademais todas elas son unha mostra de que o uso do galego no tecido socioeconómico sempre suma e nunca resta calidade á oferta empresarial. Por este motivo poden considerarse referentes e motores para que o ámbito socioeconómico de Ames se vaia sumando ao proceso de normalización lingüística e aproveite así as vantaxes que lles outorga ás empresas o uso da lingua galega (marca de proximidade coa clientela e de responsabilidade social,  marca de  diferenciación e de calidade da oferta e dos servizos...).

Premiadas nos ámbitos da creatividade, da hostalaría e da educación
Despois de examinar a documentación e valorar os méritos de todas as candidatas, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo, repartindo o importe a partes iguais entre tres empresas, dúas do Milladoiro e unha de Bertamiráns. Así, cada unha delas recibirá 833,33 euros, ademais dunha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames.

As empresas gañadoras foron as seguintes:

Cenlitrosmetrocadrado, Sociedade Cooperativa Galega, situada no Milladoiro, polo seu labor impulsando a dinamización lingüística no eido da creatividade e pola relevancia e impacto da súa actividade no ámbito autonómico e estatal. Destaca tamén a especial visibilidade do seu traballo e dos seus produtos pensados e feitos dende Galicia e en lingua galega.

Escola de Estudios Musicais Allegro, tamén do Milladoiro, polo seu traballo de dinamización lingüística en todos os eidos da súa actividade, tanto internos e externos, e polo uso normalizado da lingua galega no ámbito musical, con especial relevancia na etapa de educación infantil e primaria.

Petiscos Gastrobar, situado en Bertamiráns, pola súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría, cunha aposta clara polo galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento. Tamén destaca o impacto e a visibilidade que a súa escolla comunicativa pode ter no proceso social de normalización lingüística.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames premia ás empresas que fan uso da lingua galega"

Cartel Lingua e Empresa

Multimedia

  • Cartel Lingua e Empresa