- Tematica
Este sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, está previsto que se celebre o acto de acendido das luces de Nadal. Actuará a Escola Municipal de Música de Ames e haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Ese mesmo día tamén haberá inchables de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 19.30 horas na praza da Madalena do Milladoiro. Pero non será o único día, xa que os inchables instaláranse noutros puntos do concello en diferentes datas para que os máis pequenos poidan desfrutar deles. En caso de choiva, as actividades de inchables suspenderanse e trasladaranse a outro día, que serán comunicados a través da web municipal.
A programación de Nadal do Concello de Ames arranca este sábado, 7 de decembro, co acto de acendido das luces de Nadal, que se levará a cabo na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 18.00 horas. As luces manteranse acendidas ata o día 6 de xaneiro (incluído).
As rúas que disporán de decoración son aquelas que concentran un maior número de paseantes, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As prazas, os farois e as fachadas dos principais edificios municipais engalanaranse tamén para as festas. Así mesmo, as persoas que visiten os principais núcleos urbanos serán recibidas e despedidas con mensaxes de Boas Festas, que se situarán nas entradas e saídas dos principais tramos municipais.
O novo contrato de subministro, instalación, conexión, mantemento e desmontaxe do alumeado de Nadal recolle varias melloras na iluminación de Nadal. Deste xeito, instalaranse máis de 130 arcos de luces (increméntase 30 arcos de luces a maiores dos mínimos esixidos).
Ademais, iluminaranse 10 rúas/prazas/edificios a maiores dos mínimos esixidos. Tamén haberá outros elementos decorativos como unha árbore artificial iluminada de 15,5 metros na praza do Concello; unha bola xigante de 5,5 metros de diámetro; iluminaranse as árbores da praza de Chavián; instalarase unha manta de luces que cubra a praza de Manuel Murguía; e colocarase un motivo luminoso co número 2020 de dous metros de alto na praza da Maía.
Campaña Ilumina o teu sorriso
As asociacións de comerciantes de Ames, en colaboración co Concello, van a desenvolver de forma conxunta a campaña Ilumina o teu sorriso. Nas próximas datas farase unha presentación de dita campaña e publicaranse as bases do concurso.
Para participar no concurso haberá que facer unha foto en catro lugares do concello: na árbore de Nadal da praza do Concello, no motivo luminoso co número 2020 da praza da Maía; nas pérgolas iluminadas que están na praza de Manuel Murguía e na bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro. As catro fotos haberá que envíalas a unha conta de correo. As persoas que envíen as fotos entrarán no sorteo dun teléfono móbil de última xeración.
A concelleira de Comercio, Innovación e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “a programación de Nadal, que arranca esta semana e se prolongará ata principios de xaneiro, está cargada de actividades. Dita programación inclúe importantes novidades. Durante 33 días desenvolveranse máis de 100 actividades para todos os públicos. Isto súmase ao reforzo que se lle deu este ano ao alumeado e Nadal que contará con novos elementos decorativos nas prazas e rúas do concello”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Encendido de las luces festivas hoy en Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Ames enciende un alumbrado de Navidad con más de 130 arcos de luces"