Pestanas principais

Continúa aberto o prazo de inscrición para participar no XIV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

Martes, 17 de decembro de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de convocar a décimo cuarta edición do Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 20 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nos rexistros municipais do Concello. Ao pé desta nova encóntranse as bases do concurso.

Un ano máis, a Concellería de Promoción Económica organiza o concurso de Escaparates de Nadal, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o próximo venres 20 de decembro. As solicitudes poderán presentarse de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas no rexistro municipal da Casa do Concello de Bertamiráns ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Para inscribirse é obrigatorio ser maior de idade e titular ou co-titular dun establecemento comercial situado no Concello de Ames.

Os escaparates deberán estar expostos entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento de visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. Este ano, como novidade, o xurado está composto por un/unha representante do voluntariado do Concello de Ames, un/unha representante de voluntariado/a da Aula da Natureza e un/unha representante do voluntariado/a de Protección Civil de Ames. Ademais de persoal pertencente a Promoción Económica actuará como secretario do xurado.

O xurado valorará os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. O seu fallo será inapelable e darase a coñecer durante o mes de xaneiro de 2020.

Outra das novidades deste ano é que haberá cinco premios, que serán repartidos da seguinte maneira: 1.000 euros para o primeiro clasificado, 700 euros para o segundo, 400 euros o terceiro, 300 euros o cuarto e 100 euros para o quinto clasificado. Ademais os cinco gañadores gozarán da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal.  

Sorteo de nove premios de 100 euros para os/as consumidores/as

O Concello de Ames entregará ademais 150 boletos a cada establecemento inscrito no XIV Concurso de Escaparates para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas na Casa da Cultura e  a Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e Biblioteca, no Milladoiro. O prazo para facelo é entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, e deberán cubrirse todos os campos dos boletos e asinar no espazo reservado para elo. No caso de que algún campo se deixe baleiro, o boleto será considerado como nulo, e ademais, o Concello poderá anular aqueles boletos que estime ou teña indicios de que foron cubertos por persoal do establecemento e non pola clientela.

Todas aquelas persoas que depositen un boleto nas urnas habilitadas, participarán no sorteo dun talón por importe de 100 euros para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de 9 talóns bancarios, e todos por importe de 100 euros.

Dito sorteo terá lugar a finais do mes de xaneiro de 2020, unha vez rematado o período de Nadal. Extraeranse 9 boletos, de maneira que cada boleto corresponderá a unha persoa gañadora, non se poderá optar a mais de un premio por persoa.

Campaña Ilumina o teu sorriso

Este concurso únese á campaña Ilumina o teu sorriso organizada polas asociacións de comerciantes e empresarios do concello de Ames, e que conta coa colaboración da clínica dental Lindo Dente. Neste certame poden participar persoas maiores de 18 anos e as fotografías teñen que ser inéditas, presentando cada participante unha fotografía de cada un dos catro lugares predeterminados. Soamente se permitirá unha participación por persoa. Consulta a aquí as bases do concurso.

Para participar no concurso haberá que facer unha foto en catro lugares do concello: na árbore de Nadal da praza do Concello, no motivo luminoso co número 2020 da praza da Maía; nas pérgolas iluminadas que están na praza de Manuel Murguía e na bola xigante situada na praza da Madalena, no Milladoiro. As catro fotos haberá que envíalas ao enderezo amesnarua@gmail.com. As persoas que envíen as fotos entrarán no sorteo dun teléfono móbil de última xeración doado pola clínica dental Lindo Dente.

Nas fotos poderán saír as persoas participantes no concurso xunto aos elementos decorativos de Nadal ou tan só poden saír fotografados os elemento decorativos. O prazo para participar no concurso estará aberto ata o 7 de xaneiro. Unha vez rematado o concurso farase unha selección das fotos máis orixinais que serán expostas nun local municipal. Ademais, todas as fotos que se envíen serán colgadas na canle de Instagram chamada @amesnarua co hashtag #iluminaoteusorriso19.

Actividades da programación de Nadal

Por último, cómpre lembrar que está aberto ata este mércores, 18 de decembro, o prazo de inscrición para diferentes actividades que están incluídas na programación de Nadal. Unha desta actividades é a creación dunha árbore de Nadal con material da natureza, que será impartida polo persoal da Asociación Cultural San Xoanciño de Alfombristas de Ames. Esta actividade que se impartirá o sábado, 21 de decembro, en Bertamiráns e no Milladoiro, está aberta a todos os públicos, tanto a nenos/as coma a persoas adultas. 

Continúa aberto o prazo de inscrición para participar no XIV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

Multimedia

  • Continúa aberto o prazo de inscrición para participar no XIV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames
  • Cartel Ilumina o teu sorriso