Pestanas principais

Rematou o Delas Fest cumprindo o seu principal obxectivo: combater a invisibilidade do traballo das artistas na arte urbana

Xoves, 09 de xaneiro de 2020

O primeiro festival feminista de arte urbana e contextual de Europa, celebrado do 9 ao 15 de decembro, tivo como epicentro a comarca de Santiago. Organizado por 7H Cooperativa Cultural, desenvolveuse en distintos espazos da bisbarra coa participación de oito creadoras feministas. Rematado o festival, toca facer balance, e confirmase que se cumpriu un dos seus principais obxectivos, que era combater a invisibilidade que sofren os traballos das artistas na arte urbana.

O Delas Fest puido levarse a cabo grazas á colaboración da Deputación da Coruña; a concellería de Igualdade do Concello de Ames; as concellerías de Igualdade e Benestar di Concello de Teo e a concellería de Cultura do Concello de Santiago; ademais do patrocinio de diversas empresas e entidades como Cuarto Pexigo, Pinturas PROA, Gadis, Fogar Natural, Infinita Vijaes y Eventos, e Dinamo Mensaxería e Publicidade en Bicicleta.

Desta maneira, a través dun completo programa de actividades, composto por tres intervencións artísticas, unha xornada de faladoiros e dous obradoiros de creación, artistas e participantes cuestionaron, dende a práctica, o discurso historiográfico hexemónico, que continúa a subestimar e invisibilizar a traxectoria e obra das mulleres artistas.

O Festival xurde como continuación do programa artístico educativo “Elas tamén Pintan”, proxecto iniciado dous anos antes por 7H Cooperativa Cultural. Proséguese así coa iniciativa de construír un espazo de encontro no que analizar as desigualdades presentes no sector e fomentar redes que faciliten a igualdade efectiva.

Btoy realizou un mural no Pavillón Polideportivo do Milladoiro
Concretando as accións levadas polo festival no Concello de Ames, a artista Btoy foi a encargada de realizar un mural na fachada do Pavillón Polideportivo do Milladoiro, a partir dun retrato a gran tamaño da activista trans Verónika Arauzo.

Primeiramente, Andrea Michaelsson, mais coñecida como Btoy, reuniuse coas integrantes do Coro Son Elas, que exerceron de anfitrioas na súa visita a Ames. Durante o encontro de varias mulleres da agrupación musical e a artista, esta última puido coñecer tanto a historia do coro coma as particularidades culturais e demográficas do noso municipio.

Tras esta primeira toma de contacto, a artista comezou un intenso traballo que durou unha semana e que deu como resultado a transformación das paredes da entrada do polideportivo nunha resposta artística á homofobia.

A partir dun retrato da activista trans Verónika Arauzo, a artista crea un universo estético alegórico, con vivas cores de reminiscencias pop art, para reivindicar, como é habitual nas súas obras, a quen transgrede os moldes.

O Delas Fest cumpre os seus obxectivos
Tendo en conta que un dos propósitos principais do Delas Fest era combater, dende o exemplo da experiencia a pé de rúa, a invisibilidade que se exerce contra o traballo das artistas na arte urbana, dáse por probada a contribución do festival a este fin.

Os resultados dos faladoiros que se levaron a cabo en Santiago de Compostela, así como das distintas actividades de creación, que deron lugar a oito intervencións artísticas, sumando ás das creadoras convidadas e as colectivas realizadas nos talleres, desmentiron o discurso que desdeña o rol das mulleres na arte urbana baixo a escusa da súa suposta inexistencia ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras.

Ademais, no referente aos espazos de diálogo construídos, destácase como outro punto positivo a estupenda acollida da programación por parte da veciñanza, das asociacións e colectivos de toda a comarca. No caso de Ames, ao Coro Son Elas, que sinalaron o interese dos vínculos xerados coa artista que visitou o concello, Btoy.

Igualmente destacable que durante o traballo a pé de rúa de cada unha das artistas nos diferentes concellos, foron numerosas as persoas que se achegaron ás distintas localizacións para observar o proceso e darlles os parabéns polo seu traballo.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O Delas Fest fai balance da súa primeira edición"

La Voz de Galicia: "Compostela pinta feminista"

Btoy