Pestanas principais

Xa se coñecen os gañadores da sexta edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro

Venres, 10 de xaneiro de 2020

Onte o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a gala de entrega de premios da sexta edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro, na que se deron a coñecer os gañadores e gañadoras deste ano. A xornalista Salomé Beiroa foi a encargada de presentar a gala. Estivo acompañada polo humorista Pablo Rios que, a través do seu personaxe da Avoa Eufrasia, comentou unha a unha todas as fotografías. Acudiron á gala a meirande parte dos participantes no concurso. Repartíronse 700 euros en premios. Os galardoados na categoría infantil foron Alejandra Santos e Iria López, e Carolina Castro, Daniel Lado e Diego Espiña que participaban na categoría absoluta.

A sexta edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro repartiu onte máis de 700 euros en premios. Por unha banda, na categoría absoluta, Carolina Castro alzouse co primeiro premio dotado de 300 euros, coa súa fotografía “Coas mans”, realizada en branco e negro. O segundo clasificado foi Daniel Lado, con “Ruxe”, premiado con 200 euros. E xa por último o terceiro premio, dotado con 100 euros foi parar as mans de  Diego Espiña,  grazas a súa fotografía “Colores de Empresa”.

No caso dos galardoados na categoría infantil-xuvenil, a primeira premiada cun vale de 75 euros foi Alejandra Santos. Tanto ela como a segunda premiada, Iria Pérez, participaron no concurso outras veces. Esta última recibiu un vale por valor de 50 euros pola súa obra “Fusión”. Ademais todos os galardoados recibiron un trofeo.

Pensando no futuro
A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro xa se encontra pensando no certame do ano que ven. Desta vez, os seus representantes confesan que lles gustaría que fose un venres preto ás vacacións de Nadal. Isto significa ampliar o prazo de presentación das obras e evitar posibles complicacións como as de esta edición, na que choveu durante todo o mes de novembro.

Desta maneira, posiblemente se iniciaría o prazo de presentación a finais de novembro ou principios de outubro, e esta quedaría exposta a principios de decembro.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premian las mejores fotos del polígono de Milladoiro"

Compostela 24 horas: "Xa se coñecen os gañadores da sexta edición do certame fotográfico do parque empresarial do Milladoiro"

Gala VI Certame Fotográfico Parque Empresarial de O Milladoiro

Multimedia

  • Gala VI Certame Fotográfico Parque Empresarial de O Milladoiro
  • Gala VI Certame Fotográfico Parque Empresarial de O Milladoiro
  • Fotografía gañadora da 1ª absoluta
  • Fotografía gañadora categoría xuvenil