Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza unha saída ornitolóxica ao complexo intermareal Umia-O Grove

Martes, 18 de febreiro de 2020

A tempada ornitolóxica, programada pola Aula da Natureza do Concello de Ames, inaugurase o próximo sábado, 22 de febreiro, cunha saída ao complexo intermareal Umia – O Grove. Haberá servizo de autobús con saída ás 10.15 horas dende a praza do Concello e ás 10.30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro.  Para participar na actividade, que está dirixida a todos os públicos, é necesaria a inscrición previa enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá que levar algo de comer xa que a chegada de regreso está prevista para as 17.00 horas ao Milladoiro e 17.15 horas a Bertamiráns. Ofértanse 50 prazas.

A península ibérica, pola súa situación xeográfica, é clave nos movementos migratorios para moitas especies de aves. Acolle especies que invernan con nós na península e tamén serve de zona de descanso e alimentación para especies que migran máis ao sur.

Durante os meses de inverno, moitas aves acuáticas de zonas de norte emigran a zonas cálidas buscando alimento dispoñible. Agora que chegan os meses de febreiro e marzo, estas aves poñen voo de novo ao norte. Con esta saída ornitolóxica organizada polo departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames terase a oportunidade de contemplar moitas destas aves.

Deste xeito, todas as persoas que o desexen poderán acudir o sábado, 22 de febreiro, ao complexo intermareal Umia – O Grove. Haberá servizo de autobús con saída ás 10.15 horas dende a praza do Concello e ás 10.30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro.  Posteriormente, guías e expertos ornitolóxicos de SEO BIRD LIFE, da delegación de Pontevedra, axudarán aos asistentes na visualización e identificación de especies nesta ruta polo complexo intermareal Umia- O Grove.

O regreso está previsto para ás 17.00 horas á Casa da Cultura do Milladoiro e ás 17.15 horas á praza do Concello, tamén facendo uso do servizo de autobús. Así, recoméndase levar algo de comida para o xantar.

A actividade está pensada para todos os públicos, pero as prazas limítanse a 50, polo que todos aqueles interesados en participar deben enviar un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal para formalizar a inscrición. O prazo para facelo remata este xoves, 20 de febreiro, ás 14.00 horas.

Obradoiro de caixas niño para aves
A programación ornitolóxica prosegue no próximo mes de marzo, no cal está previsto desenvolver un obradoiro de caixas niño para aves destinado a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Terá lugar o sábado 21 de marzo, nas instalacións da Aula da Natureza, en horario de 10.30 a 14.00 horas. Tamén haberá servizo de autobús para todos os/as interesados/as.

As prazas son limitadas, polo que todos/as aqueles/as interesados/as en participar deben inscribirse enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal. O prazo de inscrición remata o xoves, 18 de marzo, ás 14.00 horas.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ornitoloxía con saída e un obradoiro para os amesáns"

Tempada ornitolóxica

Multimedia

  • Tempada ornitolóxica