- Tematica
O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames ten programadas dúas actividades para a conmemoración do Día de Rosalía. A primeira delas, un xardín poético no que están participando todas as persoas que o desexen cos seus versos a Rosalía en ambas as dúas bibliotecas. Mentres que a segunda, é un coloquio sobre a vixencia da obra de Rosalía na actualidade, da man de Dolores Vilavedra e Daniel Asorey, que terá lugar o xoves 27 de febreiro, ás 20.00 horas, na Biblioteca do Milladoiro.
O Concello de Ames celebra durante o mes de febreiro diversas conmemoracións a Rosalía de Castro. Sumándose a esta iniciativa, o 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía nas bibliotecas municipais de Ames. En ambas as dúas, tanto na de Bertamiráns como na do Milladoiro, construirase un xardín poético para festexalo e conmemorar a figura da poeta. Todas aquelas persoas que queiran participar poderán pasar polas bibliotecas para colocar a súa flor.
Os rapaces e rapazas de Arcea Adames colaboraron con este xardín poético a Rosalía visitando a biblioteca do Milladoiro, onde, ademais de escribirlle os seus poemas á escritora, cederon un mural que fixeron eles mesmos cando visitaron a Casa de Rosalía en Padrón.
A outra actividade programada é un coloquio sobre a Rosalía actual, onde se tratará a vixencia da obra de Rosalía na actualidade. Daniel Asorey e Dolores Vilavedra falarán da figura e a vixencia da figura de Rosalía de Castro nos nosos días. Está prevista para o xoves 27 de febreiro, ás 20.00 horas, na Biblioteca do Milladoiro.
Dolores Vilavedra é veciña de Ames e profesora de literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Autora de numerosos ensaios sobre lingua e literatura, é colaboradora de varias publicacións como a revista Grial.
En canto a Daniel Asorey, é autor do Manifesto do Día de Rosalía 2020 da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG). Profesor de lingua e literatura no ensino medio, e autor de varias obras de poesía e novelas premiadas en varios certames literarios.
Para máis información, pódese enviar un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal, ou chamar aos teléfonos 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro)/ 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns).