Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que se enmarca dentro dos actos para a conmemoración do 8M

Venres, 21 de febreiro de 2020

Esta mañá presentouse no paseo da Igualdade, ao carón do pavillón polideportivo do Milladoiro, a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”. O evento, organizado pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Promoción da Saúde, enmárcase dentro dos actos para a conmemoración do Día Internacional da Muller do 8M. Terá lugar o próximo 7 de marzo, a partir das 11.30 horas, na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro e da área deportiva desta localidade. As inscricións poden facerse tanto de maneira presencial nos Servizos Sociais do Concello como online a través deste enlace.

O paseo da Igualdade que se atopa entre o aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro e o instituto desta localidade acolleu esta mañá a presentación da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, un evento familiar que se enmarca dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller do 8 de marzo.

Na presentación participaron a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, o xerente da empresa NOKO360, Serafín Martínez, que será a entidade encargada de organizar dita carreira. A este acto acudiron as concelleiras do grupo de goberno e dos partidos da oposición (Partido Popular e Ames Novo). Tamén participaron dúas integrantes da Plataforma Feminista de Ames, representantes da ANPA de Barouta e da do IES Milladoiro, a directora do IES do Milladoiro, unha representante da Xuntanza de Empresarios de Ames, a nutricionista municipal e dous representantes do Fútbol Club Meigas.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, explicou que “esta iniciativa enmárcase dentro dos actos que organiza o Concello con motivo do 8M. A través desta carreira dos obstáculos queremos simbolizar os obstáculos e atrancos que teñen que superar moitas mulleres na súa vida diaria. Moitos deles supéranos de xeito individual, outros coa axuda doutra persoas e noutras casos en grupo, por iso nesta carreira se pode participar de forma individual, en parella e en grupo. Animamos a todas as mulleres e homes a participar nesta iniciativa do Día Internacional da Muller”.

Unha proba de reivindicación feminista
A carreira terá lugar o vindeiro 7 de marzo, a partir das 11.30 horas, na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro e na área deportiva desta localidade. A recollida de dorsais poderá realizarse a partir das 10.45 horas. Trátase dun evento familiar para todos os públicos a partir dos 5 anos, no que se pode participar individualmente, en parellas ou en grupo dun mínimo 5 persoas.

O percorrido será de aproximadamente 1.500 metros e contará con 10 obstáculos de baixa dificultade para superar, os cales se poden realizar con ou sen axuda dos acompañantes. Entre eles, zonas para rectar polo chan, pirámides, rodas, equilibrios, muros verticais, tubos, gabias de auga, etc. Algúns deles disporán de mensaxes para visibilizar os atrancos que teñen que superar as mulleres na súa vida diaria. Ademais, haberá persoas vestidas de gladiadores para ambientar o percorrido de dita carreira e axudarlle aos participantes se fose necesario.

Contarase con agasallos para os/as participantes realizando sorteos a través dos números de dorsais. Todos eles, grazas á colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames no evento.

Tramitación das inscricións
A inscrición á carreira, que é de balde, pode facerse de maneira presencial ou a través deste enlace. Para facelo en persoa, hai que achegarse ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) ou en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). O prazo para facelo remata o próximo 3 de marzo.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Carrera de obstáculos"

El Correo Gallego: "Ames supera los obstáculos de la mujer"

Presentación no paseo da igualdade

Multimedia

  • Foto de grupo na zona do circuíto
  • Revisión da zona do circuíto
  • Cartel Carreira dos obstáculos 2020
  • Embedded thumbnail for