Pestanas principais

Apróbase o expediente de licitación para a construción duns vestiarios baixo a grada do campo de fútbol do Milladoiro

Sábado, 29 de febreiro de 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación ordinaria, cun único criterio de adxudicación (o factor prezo) das obras de construción duns vestiarios baixo a grada do campo fútbol do Milladoiro, convocando así a súa licitación. O orzamento base de licitación de dito proxecto ascende á contía de 81.743,12 euros e sufragarase con cargo ao POS Adicional 1/2019. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto de construción de gradas e novos vestiarios para esta instalación deportiva. Nunha primeira fase construíronse as gradas cubertas e agora vanse a executar un novos vestiarios baixo ditas gradas.

O goberno municipal continúa mellorando as instalacións deportivas municipais. Neste caso vanse a construír uns novos vestiarios baixo as gradas do campo de fútbol do Milladoiro. Cómpre lembrar que este campo de fútbol foi inaugurado no ano 2011 e en xuño de 2017 estreáronse as novas gradas desta instalación deportiva durante o XXXVI Trofeo de fútbol Concello de Ames.

No proxecto de construción das gradas cubertas investíronse 82.420 euros, que foron sufragados con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación da Coruña. Esta foi a primeira fase dun proxecto que tamén inclúe a construción duns novos vestiarios baixo ditas gradas. Deste xeito, vén de aprobarse en Xunta de Goberno Local o expediente de licitación de dito proxecto que será sufragado con cargo ao POS Adicional 1/2019. O orzamento base de licitación ascende á contía de 81.743,12 euros.

Na actualidade, os espazos baleiros que quedan debaixo das gradas dedícanse a almacén. Nestes espazos é onde se van a construír catro vestiarios e dúas zonas de duchas compartidas entre os vestiarios existentes. Para iso, previamente, haberá que dotar de rede de abastecemento de auga e saneamento, así como de electricidade a ditas gradas. Os novos vestiarios estarán situados nun lateral do campo de fútbol e sumáranse aos xa existentes que se atopan na zona de entrada ao campo.

A superficie que se acondicionará é de 141.43 metros cadrados. Ademais, habilitaranse tres puntos de acceso: un para que os xogadores/as e o/a arbitro accedan aos vestiarios, outro para entrar no terreo de xogo e un terceiro para acceder ás gradas.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “a execución destes novos vestiarios é un compromiso adquirido polo goberno municipal co Milladoiro Sociedade Deportiva. Nunha primeira fase construíronse as gradas cubertas e agora aprobouse a licitación dos vestiarios que teñen un orzamento base de algo máis de 80.000 euros. Nestas dúas actuacións investiranse arredor de 160.000 euros para mellorar as instalacións do campo de fútbol do Milladoiro”. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El campo de fútbol de Milladoiro tendrá vestuarios bajo las gradas"

Imaxe da planta e alzado dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da planta e da sección lonxitudinal dos novos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro