Pestanas principais

Ames únese en diversos actos para a conmemoración do Día Internacional da Muller

Mércores, 04 de marzo de 2020

O Concello de Ames ten programados diversos actos e actividades para a conmemoración do Día Internacional da Muller o próximo domingo 8 de marzo. A primeira das actividades que se vai a levar a cabo é a conmemoración deste día por parte de rapazas e rapaces dos IES de Bertamiráns e Milladoiro cun acto simbólico mañá xoves 5 de marzo. Sucederalle a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” do sábado 7 de marzo, para concluír coa andaina “Rosalías da Vida” o propio domingo 8 de marzo.

Diferentes departamentos do Concello de Ames, como o departamento de Igualdade, Promoción da Saúde e Turismo, teñen programadas diversas actividades para a conmemoración do 8M durante o mes de marzo.

Plantación de dúas árbores no paseo de Carmen Amado
Unha das actividades para a conmemoración deste día, é a que se vai a realizar dende o ámbito educativo coas rapazas e rapaces do IES de Bertamiráns e do IES do Milladoiro. Estes/as, uniranse para levar a cabo un acto simbólico, coa plantación de dúas árbores no paseo de Carmen Amado. Ademais, realizaran diversas lecturas para a conmemoración do Día Internacional da Muller. Un acto aberto á toda cidadanía.

A carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” conta con 234 inscritos/as
A proba de reivindicación feminista “Moitos camiños, mesma meta”, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de marzo, contará con 234 persoas participantes. O evento desenvolverase na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 11.30 horas.

O percorrido, de aproximadamente 1.500 metros, contará con 10 obstáculos de baixa dificultade para superar, os cales se poden realizar con sen axuda dos acompañantes. Entre eles, zonas de rectar polo chan, pirámides, rodas, equilibrios, muros verticais, tubos, gabias de auga, etc. Algúns deles disporán de mensaxes para dar visibilidade aos atrancos que teñen que superar as mulleres na súa vida diaria: conciliación, corresponsabilidade, fenda salarial, teito de cristal, coidados, stop violencias,... onde a meta será o emponderamento e o podio a visibilidade. Ademais, haberá persoas vestidas de gladiadores para ambientar o percorrido de dita carreira e axudarlle aos participantes se fose necesario.

Contarase con agasallos para os/as participantes realizando sorteos a través dos números de dorsais. Todos eles, grazas á colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames no evento. As inscricións están abertas ata mañá e poden realizarse premendo neste enlace.

Segue aberto o prazo de inscrición para a andaina “Rosalías da Vida”

Os concellos da Ruta Rosaliana (Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago de Compostela) organizan para o Día Internacional da Muller a andaina “Rosalías da Vida” que terá unha distancia de 20 quilómetros e está destinada para todos os públicos. A saída será dende Lestrobe, en Dodro, ás 9.00 horas, e rematará as 18.00 horas coa chegada ao acto institucional que se realizará na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. O obxectivo é conmemorar o 8M tendo presente a Rosalía de Castro, unha muller que marcou un antes e un despois na nosa historia.

A andaina ten a súa saída programada para ás 9.00 horas dende Torres de Hermida, Lestrobe, en Dodro, pero faranse diferentes paradas por todos os concellos que forman parte da ruta. Desta maneira, ás 9.30 horas pasarase pola praza de Rodríguez Cobián (Padrón), ás 13.00 horas por Parada de Francos, e xa ás 16.00 horas pasarase por Ames, pola Casa da Cultura do Milladoiro.

Dende Ames haberá servizo de autobuses tanto para ir ao comezo da andaina en Dodro, como para saír dende O Milladoiro, ás 16.00 horas. Neste caso o servizo de autobús será dende Bertamiráns ata O Milladoiro. Así, ás 8.15 horas haberá parada na Capela de Santa Minia en Brión, 8.30 horas dende a praza da Concello de Bertamiráns e ás 8.45 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá servizo de autobuses para o regreso, dende a dársena de Xoán XXIII, ao rematar os actos.

Os/as participantes de Ames uniranse á andaina en Padrón, na praza de Rodríguez Cobián, ás 9.30 horas. Haberá dous puntos de avituallamento, en Padrón e no Milladoiro. A chegada a Santiago de Compostela está prevista para ás 18.00 horas, para asistir ao acto institucional do Día Internacional da Muller que se desenvolverá na praza do Obradoiro. É unha andaina tranquila, apta para todos os públicos. Recoméndase levar algo para o xantar. Así, arredor das 13.00 horas, en Parada de Francos, farase un descanso dunha hora para comer.

As inscricións pódense formalizar enviando un correo electrónico a servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamando ao número 981 890 964. O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de marzo ás 14.00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Área xa ten preparado todo para homenaxear ás mulleres o domingo"

Lindeiros: "A bisbarra conmemora o Día Internacional da Muller"

Moitos camiños, mesma meta

Multimedia

  • Moitos camiños, mesma meta
  • Cartel andaina Rosalías da Vida