Pestanas principais

Este venres, 6 de marzo, haberá sesión dobre de teatro en Ames con “SÓ” e “O meu mundo non é deste reino”

Xoves, 05 de marzo de 2020

Este venres, 6 de marzo, hai programadas dúas sesións de teatro no concello de Ames. Na Casa da Cultura do Milladoiro representarase “SÓ”, de Xampatito Pato, ás 18.00 horas, mentres que a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 21.00 horas, “O meu mundo non é deste reino”. Para ambas as dúas funcións aínda hai entradas dispoñibles, que se poden adquirir na billeteira electrónica do concello ou de maneira presencial na propia Casa da Cultura unha hora antes do comezo de cada función.

Este venres, 6 de marzo, representarase “SÓ”, de Xampatito Pato, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo de novo circo, destinando a nenas e nenos a partir de 4 anos, con escenografía feita de maneira propia. O espectáculo relata un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso, un ser único na súa especie rodeado dun sen fin de caixas que escapan do seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Do caos xorde un universo delirante onde inventa a risa, creando unha loucura cómica e transformándose nun novo ser cunha nova figura.

O seu intérprete, Jesús Velasco, comeza en 2011 a súa andaina artística en Galicia, entrando a formar parte da escola de circo “Circonove” (Santiago de Compostela), onde recibe clases de diferentes disciplinas de circo. Entre os anos 2013 e 2015, continúa os seus estudos na escola de formación profesional “Caramba” (Madrid), perfeccionando a técnica en teatro, danza, acrobacia e malabares, sendo esta última a súa especialidade. É nesta escola onde se forma a compañía “Pass & Company”, gañadora do Talent Madrid 2014 na disciplina de circo e artes alternativas. Nos últimos anos, Jesús traballou co Teatro Circo PRICE, Teatros do Canal, The Great State Circus of Moscow, Le Channel Scène Nationale de Calais, Teatro Maria Guerrero e Teatro Alfil, entre outros.

Posteriormente, ese mesmo venres, 6 de marzo, ás 21.00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a obra “O meu mundo non é deste reino”, de Teatro da Ramboia. Esta comedia, que está destinada a un público adulto, é unha adaptación da “Farsa de Bululú” de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. A función foi a proposta gañadora do Premio Manuel María de Proxectos Teatrais.

Así, uns feirantes chegan ao que chaman fogar logo dun día de traballo. Son Camiño e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas do país. Carretan ás costas un enorme "tutilimundi". A disxuntiva de abrilo o converte nunha caixa de pandora latente. Contar e dar vida ao que contén, supón unha única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen. Unha maneira de sobrevivir nun reino militarizado sen trazas de lóxica humanística. Nun contexto ao que non pertencen, nun reino que non é do seu mundo.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “tras unha pausa de quince días, por mor das festas de Entroido e da conmemoración do Día de Rosalía, volve o teatro infantil e para adultos ao concello de Ames da man das compañías Xampatito Pato e Teatro da Ramboia. Neste mes de marzo están programados catro espectáculos teatrais máis, dous para os nenos e nenas e outros dous para o público adulto”.

Aínda hai entradas dispoñibles para ambas as dúas funcións, que se poden adquirir na billeteira electrónica do concello ou de maneira presencial na propia Casa da Cultura na que se realice a función unha hora antes do comezo de cada función.

Imaxe do espectáculo teatral "O meu mundo non é deste reino"

Multimedia

  • Imaxe do espectáculo teatral "SÓ", de Xampatito Pato