Pestanas principais

Arredor de 350 persoas participaron na carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”

Luns, 09 de marzo de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría da Igualdade e da Promoción da Saúde, organizou este ano unha novidosa actividade para conmemorar o Día Internacional da Muller. Tratouse da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta” que se realizou o sábado pasado, pola mañá, na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro e da área deportiva desta localidade. Arredor de 350 persoas participaron nesta iniciativa. Houbo un gran ambiente nesta proba na que participaron tanto adultos coma nenos/as. Para ver máis fotos sobre a carreira podes premer neste enlace.

A contorna da Casa da Cultura do Milladoiro e da área deportiva desta localidade acolleu o sábado pola mañá a primeira edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, organizada pola Concellaría da Igualdade e da Promoción da Saúde. Tratouse dun evento familiar que se enmarcou dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller do 8 de marzo.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, incidiu na boa acollida que tivo esta iniciativa entre a veciñanza de Ames. “Tratábase dunha actividade moi especial xa que propoñíamos 12 obstáculos físicos como metáfora dos obstáculos aos que temos que enfrontarnos as mulleres en diferentes ámbitos: teito de cristal, fenda salarial, coidados, stop violencia, igualdade de oportunidades, corresponsabilidade, etc. Todo iso plantexado como algo lúdico, divertido e familiar, que á vez permitise tomar conciencia e reflexionar sobre os atrancos cos que nos encontramos, pero tamén do que logramos o vencelos: empoderamento e visibilidade. Agradecer a alta participación, sobre todo tendo en conta que era a primeira edición, e destacar o gran ambiente e a implicación que atopamos entre os e as participantes”, destacou Luísa Feijóo.

Nesta proba participaron numerosas familias de Ames que superaron de forma conxunta os diferentes obstáculos instalados no circuíto. Tamén participaron varias das concelleiras do goberno municipal (Luísa Feijóo, Ana Belén Paz, Natividade González e Escarlata Pampín), o concelleiro David Santomil, a técnica municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, ás técnicas municipais do CIM, Maite Arufe e Mónica Antelo, así como moitas outras persoas como o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López.

O percorrido tivo unha distancia de 1.500 metros e contou con 12 obstáculos de baixa dificultade para superar. Deste xeito, houbo zonas para rectar polo chan, pirámides, rodas, equilibrios, muros verticais, tubos, gabias de auga, etc. Algúns deles dispuxeron de mensaxes para visibilizar os atrancos que teñen que superar as mulleres na súa vida diaria. Así puidéronse ler mensaxes como empoderamento, visibilidade, teito de cristal, igualdade de oportunidades, corresponsabilidade, mesmos dereitos, etc.

Ademais, en cada obstáculo había un/unha monitor/a para explicar como superar dito obstáculo e para axudar ás/aos participantes no caso de que fose preciso. Tamén houbo varias persoas vestidas de gladiadores para ambientar o percorrido de dita carreira e axudarlle aos participantes se fose necesario.

Por outra banda, contouse cunha carpa con froita e auga para entregarlles ás/aos participantes ao final da proba. Cada participante levou unha camiseta e foi premiado/a cunha medalla. Tamén se sortearon diversos agasallos grazas á colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Familias amesás e políticos superan xuntos as trabas das desigualdades"

Compostela 24 horas: "Arredor de 350 persoas participaron na carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”"

Moitos camiños, mesma meta

Multimedia

  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta
  • Moitos camiños, mesma meta