- Tematica
O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizaron, por quinto ano consecutivo, unha das probas do circuíto Transgalaica. Así, este domingo o municipio amesán acolleu a segunda proba do circuíto Transgalaica 2020, que finalmente cotou coa participación de 286 ciclistas. Na modalidade masculina o primeiro ciclista en chegar á liña de meta foi Anxo Lorenzo Segade, do Club Máster da Louriña. Na categoría xeral feminina a gañadora foi Susana Alonso Carballo, do Club deportivo Extol MTB Team. Trala proba organizada en Ames, quedan dúas probas máis, que se desenvolverán na Estrada e Silleda.
O concello de Ames acolleu este domingo, 8 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2020. Este ano dito circuíto está composto de catro probas. A primeira proba da Transgalaica 2020 tivo lugar o pasado 23 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As dúas probas restantes desenvolveranse na Estrada e Silleda. A proba disputada no termo municipal de Ames discorreu por un circuíto de 35 quilómetros ao que houbo que dar dúas voltas completando un total de 70 quilómetros. Premendo nos enlaces que están ao pé desta nova poderás descargar a clasificación xeral da proba; por categorías; e por equipos.
Este ano o circuíto desta proba tivo varias novidades respecto ás edicións anteriores. Así os/as ciclistas pasaron pola urbanización de Aldea Nova, e cruzaron o campo de golf do Real Aeroclub de Santiago. A saída estivo instalada na avenida de José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina. Unha vez efectuada a saída os/as participantes dirixíronse cara a urbanización de Aldea Nova, Ventosa, Proupín, monte de San Marcos, Alto de Liñaredo, instalacións do Real Aeroclub de Santiago, para despois baixar cara Piñeiro, monte de Liñaredo, ruta dos muíños de Riamonte, Lamas, Augapesada, Pousada, e Bertamiráns, ata chegar de novo ao Pazo da Peregrina.
Na categoría masculina o primeiro clasificado foi Anxo Lorenzo Segade, do Club Máster da Louriña, cun tempo de 2:57:12. Na segunda posición quedou Manuel Piñeiro López, do Club MTC TEAM, cun tempo de 2:58:25; e terceiro foi Manuel Casuso Castro, do Club ciclista Avelaiñas, cun tempo de 2:58:58. Na categoría masculina participaron un total de 270 ciclistas dos cales 4 non completaron os 70 quilómetros de percorrido e abandonaron antes do final da proba.
Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Susana Alonso Carballo, do Club deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 3:43:14. Na segunda posición quedou María Isabel de Picoaga López, do Club ciclista 7 Voltas, cun tempo de 4:07:55; mentres que terceira foi Ana María González Cuña, da Peña Ciclista Eduardo Chozas, cun tempo de 4:10:35. Nesta categoría participaron 12 ciclistas, das cales unha non rematou a proba por abandono. Ademais, na categoría Open (cicloturistas) participaron 5 persoas.
A clasificación por queipos quedou do seguinte xeito: en primeira posición o Club deportivo Extol MTB Team; na segunda posición o Club deportivo Burgas Bike Team; e terceiro foi o Club MTC Team. Os 286 ciclistas que acudiron a dita proba participaron nas categorías elite – sub23; elite féminas; júnior; máster 30; máster 40; máster féminas; máster 50-60 e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceu “a todas as persoas que dunha maneira ou doutra colaboraron para que esta proba fose unha vez máis todo un éxito con preto de 300 ciclistas percorrendo os camiños dos montes de Ames. Teño que agradecer tamén o traballo da Policía Local, de Protección Civil, do club Os Esfola Arros, a empresa Team Relay, a Federación Galega de Ciclismo, as compañeiras e compañeiros da Corporación municipal, que participaron na entrega de premios, ás participantes e aos participantes, xa que sen eles non sería posible, así como a todas as persoas que se achegaron a desfrutar desta quinta edición da Transgalaica de Ames”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Anxo Lorenzo e Susana Alonso gañan en Ames"