Pestanas principais

O Concello de Ames colabora coa campaña do Ministerio de Igualdade “Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas”

Venres, 27 de marzo de 2020

O Concello de Ames informa que o Ministerio de Igualdade, en colaboración coa Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, puxo en marcha un Plan de Continxencia contra a Violencia de Xénero ante a crisis do COVID-19. O plan inclúe declarar como esenciais todos os servizos de asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero: 016 para solicitar información, 112 en caso de emerxencias e 682 916 136/682 508 507 para apoio psicolóxico a través de whatsapp. Así, dende CIM  de Ames quérese recordar que nesta crise sanitaria tamén seguen traballando e que están operativos o seu teléfono de atención 662 371 392, e o seu correo, cim@concellodeames.gal.

O Ministerio de Igualdade, en colaboración coa delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, puxo en marcha un Plan de Continxencia contra a Violencia de Xénero ante a crise do COVID-19, o cal foi aprobado no Consello de Ministros do pasado 17 de marzo.

Este plan de continxencia inclúe declarar como esenciais todos os servizos de asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero, o que comporta que os operadores dos servizos esenciais deben garantir o normal funcionamento dos dispositivos de información 24 horas; a resposta de emerxencia e acollida ás vítimas en situación de risco, incluídas as mulleres que precisan abandonar o domicilio para garantir a súa protección; o normal funcionamento dos centros de emerxencia, acollida, pisos tutelados e aloxamentos seguros para as vítimas.

Os estados de confinamento domiciliario poden incrementar as situacións de violencia de xénero, domésticas e sexuais. Por iso, necesítase adoptar medidas para prever, controlar e minimizar as posibles consecuencias negativas consecuentes das medidas de confinamento nas vidas de moitas destas vítimas.

Entre as medidas impulsadas dentro deste plan está o lanzamento dunha campaña institucional, cuxos obxectivos fundamentais son a concienciación contra a violencia de xénero, a alerta ante situacións de violencia de xénero nos fogares e a concienciación polo bo trato durante o período do confinamento.

Polo tanto, si es vítima de violencia de xénero ou sabes dalgunha muller que a está a sufrir: 016 para solicitar información, 112 en caso de emerxencias e 682 916 136/682 508 507 para apoio psicolóxico a través de whatsapp. Recorda que estamos contigo, e que a violencia de xénero parámola unidas.

Centro de Información á Muller do Concello de Ames

Dende o departamento de Igualdade do Concello de Ames quérese recordar as funcións do CIM, que segue operativo durante esta alerta sanitaria a través do seu teléfono de atención 662 371 392, e o seu correo, cim@concellodeames.gal.

O CIM pretende previr, informar, asesorar e, en xeral, loitar, contra a violencia de xénero. Concretamente, asesorar xuridicamente e atender psicoloxicamente ás mulleres vítimas de violencia de xénero, fillas e fillos ou persoas menores ou maiores dependentes delas, así como mulleres pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.

Ademais, levan a cabo unha prestación de información e asesoramento na súa área de influencia ao colectivo de persoas homosexuais, transexuais, bisexuais e intersexuais, tanto ás persoas individualmente como ás asociacións ou federacións que así o demanden.

Asemade, coordínanse cos servizos sociais comunitarios e demais servizos municipais, así como con outras administracións públicas, co obxecto de prestar unha mellor atención ás persoas usuarias e un exercicio máis eficaz das funcións propias do CIM.

Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas

Multimedia

  • Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas
  • Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas
  • Estamos contigo, a violencia de xénero parámola unidas