Pestanas principais

Información sobre a xestión de residuos domésticos nos fogares que hai persoas contaxiadas ou en corentena polo COVID-19

Martes, 31 marzo, 2020
Debido ás chamadas solicitando información, que están recibindo os/as axentes da Policía Local de Ames e mailo persoal que traballa nas oficinas municipais, infórmase sobre as instrucións que hai que seguir na xestión de residuos domésticos nos fogares que hai persoas contaxiadas ou en corentena polo COVID-19.
Segundo o disposto na Orde Ministerial publicada no BOE nº 79 do pasado 22 de marzo, os Equipos de Protección Individual (EPI's) dun domicilio onde viva unha persoa infectada deben depositarse no colector verde de "resto", seguindo as seguintes indicacións: na bolsa 1 hai que depositar os EPI's do enfermo contaxiado; dentro da bolsa 2 deben depositarse os EPI's do coidador e maila bolsa 1 ben pechada; e na bolsa 3 introducirase todos os residuos do domicilio e a bolsa 2 ben pechada.
 
Deste xeito, a bolsa 3, ben pechada, debe depositarse no interior do colector de "resto", que é o que ten a tapa amarela. Nunca se debe depositar en colectores de reciclaxe como cartón, envases lixeiros ou vidro. Como medida de seguridade, adoptouse a decisión de deixar os colectores de carga traseira coa tapa aberta. Ademais, prégase á veciñanza que non deixen nunca bolsas de lixo fóra dos colectores.
 
Por outra banda, esta orde establece as instrucións sobre xestión de residuos procedentes de domicilios, así como dos residuos procedentes de hospitais, ambulancias, centros de saúde, laboratorios, e establecementos similares en contacto con  COVID-19, durante a crise sanitaria ocasionada polo  COVID-19.
 
Así mesmo, recolle no seu anexo as recomendacións destinadas ao manexo domiciliario dos residuos en fogares con positivos ou en corentena por  COVID-19, así como ao manexo domiciliario dos residuos en fogares sen positivos ou corentena.