Pestanas principais

O Concello de Ames procede ao levantamento da suspensión de varios expedientes de contratación administrativa que se tramiten electrónicamente

Martes, 12 de maio de 2020

O Concello de Ames ven de acordar, mediante decreto de alcaldía, o levantamento da suspensión de varios expedientes de contratación administrativa que se tramiten electrónicamente. A vista da previsión contida no Real decreto 17/2020, do 5 de maio, o Concello de Ames pode acordar o levantamento da suspensión dos expedientes de licitación que estaban en tramitación no momento de declararse o estado de alarma, así como iniciar novos expedientes de licitación sempre que sexan licitacións tramitadas por medios electrónicos.

Desta forma, procédese a levantar a suspensión dos expedientes de licitación de servizos e subministro do Servizo de axuda no fogar (SAF), do programa Amessan, do subministro de paneis fotovoltaicos e da asistencia técnica da EDUSI. Igualmente, acordouse o levantamento da suspensión dos expedientes de licitación de obras referentes á pavimentación do Camiño de Castelo, incluido no lote 8 do POS 2019; o saneamento dos lugares de Suevos e Sorribas, incluido no POS 2019; a licitación das obras dos vestiarios baixo gradas, incluídas no POS complementario 2019; o saneamento do núcleo de Castelo, pertencente ao Ciclo Integral Auga; e as obras da zona verde do Milladoiro, incluídas na EDUSI.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, foi declarado en todo o territorio español o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19. A Disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020 suspende termos e interrompe prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, unha suspensión que afectou aos expedientes de contratación administrativa tramitados polo Concello de Ames. Ao abeiro da Disposición adicional terceira dese Real decreto, o Concello de Ames acordou, mediante resolucións motivadas, medidas de ordenación e instrución en determinados expedientes de licitación. Así mesmo, en función do Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, que modifica o número 4 da Disposición adicional terceira ampliando o seu contido, a administración local acordou, motivadamente, a continuación de determinados procedementos de licitación que resultaban indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento dos servizos.

Agora, o Real decreto 17/2020, do 5 de maio, ven de aprobar medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte o impacto económico e social da Covid-19, e regula na súa disposición adicional oitava a continuación e inicio dos procedementos de contratación celebrados por entidades do Sector Público durante a vixencia do estado de alarma, Unha situación que permite o inicio de novos procedementos de contratación cuxa tramitación se leve a cabo tamén por medios electrónicos.

Por tal motivo, e mediante decreto de alcaldía, o Concello de Ames procede a levantar a suspensión dos expedientes de licitación de obras referentes á pavimentación do Camiño de Castelo, o saneamento dos lugares de Suevos e Sorribas, a licitación das obras dos vestiarios baixo gradas, o saneamento do núcleo de Castelo, e as obras da zona verde do Milladoiro. Igualmente, procédese a levantar a suspensión dos expedientes de licitación de servizos e subministro do Servizo de axuda no fogar (SAF), do programa Amessan, do subministro de paneis fotovoltaicos e da asistencia técnica da EDUSI.

O alcalde de Ames, José Miñones, afirma que "en Ames quixemos manter desde o primeiro momento a actividade de contratación para afectar o menos posible ao sector e de aí que seguiramos cos procesos pola vía telemática e con mesas a través da Plataforma de contratación. Agora dáse un novo paso importante para que se comecen licitacións claves para o Concello".

concello