Pestanas principais

Ponse en marcha un novo espazo web informativo do Plan Reactiva Ames

Xoves, 14 de maio de 2020

Unha das liñas nas que se articula o Plan de reactivación económica para Ames é a posta en funcionamento dun espazo web informativo onde se recolla toda a información de interese para os afectados/as pola crise sanitaria da Covid-19, como normativa vixente, noticias, modelos e plantillas, e onde se levarán a cabo webminars para as persoas ou entidades implicadas. O Concello de Ames ven de habilitar a páxina web http://coronavirus.concellodeames.gal, un espazo que permite ter toda a información centralizada e co que se pode difundir a información máis adaptada ao ámbito local, dun xeito máis directo, e onde a información é algo prioritario.

A páxina web http://coronavirus.concellodeames.gal permite xa, no seu inicio, a realización dun formulario en liña para que a cidadanía e o sector empresarial poda formular as súas consultas ou achegas relacionadas coa situación derivada da crise sanitaria da Covid-19. Esta nova canle de participación permitirá achegar propostas para ser consideradas no plan de choque se está a diseñar na actualidade. Asemade, hai que lembrar que os veciños e veciñas tamén poden contactar a través do teléfono 669 024 733 ou do correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal para a realización de calquera consulta nesta fase de implementación do plan de reactivación económica para Ames.

Medidas locais e económicas
O novo espazo web ofrece un acceso directo ás medidas locais e medidas económicas que xa se adoptaron e que se irán incorporando no concello de Ames ante a nova realidade económica e social. Nas medidas locais, a veciñanza amesá ten acceso aos decretos aprobados pola Alcaldía nos que recollen diferentes medidas adoptadas debido á pandemia da Covid-19, ademáis dun apartado especifico de medidas vinculadas coa reactivación económica municipal que non derivan dos Reais Decretos ou Ordes do Goberno, senón que se tratan dunha iniciativa propia do Concello. Neste caso, iranse incorporando as medidas que se vaian adoptando e que se incorporen no plan de reactivación económica local.
No apartado de medidas económicas, a cidadanía amesá pode acceder a información de interese para PEMES, autónomos/as e persoas traballadoras. Así, os interesados/as poden consultar todas as medidas, axudas e subvencións a través dun buscador, ver toda a información ou filtrar segundo as categorías dispoñibles, como financiamento, fiscal ou seguridade social.
 
Guías e recursos
Nesta sección do novo espazo web recóllense distintas guías de carácter oficial e outros recursos de carácter formativo e informativo sobre distintas materias relacionadas coa Covid-19 e as súas consecuencias no ámbito económico e da prevención de riscos laborais. Ademáis da previsión das distintas fases de desescalada e a guía das mesmas, podemos atopar guías e recursos xerais, como recomendacións preventivas de saúde laboral, boas prácticas nos centros de traballo, como orientarse e elixir a ruta no comercio electrónico, recomendacións para o desenvolvemento da actividade comercial remota ou o uso de Whatsapp na empresa e no comercio. Igualmente, este apartado recolle guías e recursos sectoriais de aplicación en ámbitos concretos como poden ser, por exemplo, alimentación, automoción, perruquerías, oficinas, construción, actividades forestais, etc.

Normativa
A páxina web http://coronavirus.concellodeames.gal inclúe tamén un apartado de normativa. Así, podemos ter acceso á colección códigos electrónicos do BOE, que contén unha compilación das principais normas vixentes do ordenamento xurídico vinculadas coa Covid-19, permanentemente actualizadas. Os ámbitos temáticos polos que se presenta a relación de normativa son: Medidas Tributarias, Traballadores Autónomos, Colectivos Vulnerables, Arrendamentos de vivenda e locais comerciais e Dereito Europeo, Estatal e Autonómico. Igualmente, neste apartado pódese consultar a principal normativa estatal e autonómica de referencia, a través dun buscador.

O novo portal web inclúe tamén un apartado de preguntas frecuentes, no que se pode acceder de xeito máis directo ás principais cuestións que máis preocupan á cidadanía en materia laboral, fiscal e de seguridade social e que foron recollidas polo propio Concello no servizo de asesoramento que se está a levar desde hai un mes.

Desde o Goberno afírmase que "o obxectivo desta nova canle é trasladar toda a información dun xeito ordeado e dar a coñecer as medidas a implementar para o seu aproveitamento polo tecido empresarial, comercial e cidadanía en xeral".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "En marcha a web para reactivar a vila amesá"

Compostela 24 horas: "Ponse en marcha un novo espazo web informativo do Plan Reactiva Ames"

páxina web reactiva ames