Pestanas principais

A Concellaría de Economía e Facenda informa do Plan de medidas tributarias COVID-19 relativas aos aprazamentos e fraccionamentos das débedas

Venres, 22 de maio de 2020

A Concellaría de Economía e Facenda segue a traballar no Plan de Medidas Tributarias COVID-19  poñendo en marcha de mecanismos que faciliten, na situación actual de estado de alarma, o pago de impostos e taxas, como son ademáis da ampliación de prazos de pago en voluntaria, medidas que faciliten o aprazamentos e fraccionamentos dos pagos. Precisamente, unha das últimas medidas tributarias que ven de lanzar o Departamento Económico é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames. En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados.

No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, IVTM, IAE, taxa de entrada de vehículos e reservas da vía pública, taxa pola ocupación de terreos de uso público para terrazas, taxa para a instalación de postos, barracas, casetas de venda ou espectáculos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación  dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

Nos recibos delegados para a súa xestión no ente provincial, poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100€ en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades e, no caso de débedas superiores a 3.000€, ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000€, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900132204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

Nos recibos das taxas que xestiona directamente a administración local, poderán aprazarse débedas de importe superior a 100€ e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000€ e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100€ e 300€ ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500€. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981884896, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “con estas medidas que flexibilizan e axilizan a tramitación dos aprazamentos e fraccionamentos das débedas queremos facilitar o pago dos impostos e taxas, nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, na que as economías das familias e empresas se resinten fortemente”.

Impostos Portada

Multimedia

  • aprazamentos e fraccionamentos