Pestanas principais

O Concello de Ames decreta novos horarios de apertura e peche das terrazas

Mércores, 17 de xuño de 2020

O Concello de Ames informa dos horarios de apertura e peche de terrazas autorizados no termo municipal amesán. Ditos horarios foron consensuados en Xunta de voceiros entre o goberno municipal e os grupos da oposición, e posteriormente aprobados por decreto de Alcaldía. Ademais, publicouse un bando informativo sobre os mesmos. Durante os próximos meses de xullo e agosto, autorízase a abrir as terrazas ata ás 01.00 horas de domingo a xoves, e ata as 02.00 horas os venres, sábados e vésperas de festivo.

Non existe unha normativa específica da comunidade autónoma de Galicia que regule os horarios das terrazas dos establecementos hostaleiros e de restauración, senón unicamente os dos establecementos asociados. Isto fai recaer a competencia para regular os horarios no Concello de Ames, tanto de carácter xeral como nos supostos extraordinarios.

Deste xeito, e de conformidade co disposto na lexislación básica contida na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas, e principalmente, no Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais da entidade local, a Alcaldía, co consenso dos demais grupos da oposición, vén de informar do novo horario de apertura e peche de terrazas no concello de Ames.

O horario de apertura sempre será o mesmo, ás 9.00 horas da mañá todos os días. Mentres que o horario de peche será diferente tendo en conta a tempada estival.

No tocante ao peche, haberá 3 tempadas diferentes. Nos meses de xaneiro a abril e de outubro a decembro, o horario de peche é de 23.30 horas de domingo a xoves, e ás 00.30 horas os venres, sábados e vésperas de festivo. Mentres que nos meses de maio, xuño e setembro, o horario sería ás 00.00 horas de domingo a xoves e 1.30 horas os venres, sábados e vésperas de festivo.

Xa na tempada de verán, nos meses de xullo e agosto, o horario de peche de terrazas sería ás 1.00 horas de domingo a xoves, e ás 2.00 horas os venres, sábados e vésperas de festivo.

Aberto un período de consulta sobre o regulamento

Ademais, dende a Concellaría de Urbanismo vén de elaborarse o borrador do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos.

É a primeira vez que se acomete a elaboración dun regulamento para terrazas xa que, ata o momento, só existía a ordenanza. O borrador do novo regulamento xa foi remitido aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de Hostalaría de Santiago e aos diferentes locais de hostalaría de Ames, que dispoñen de terraza e fixeron a solicitude para a súa posta en valor.

Ao longo deste mes de xuño poderanse facer achegas a este novo regulamento por parte do sector hostaleiro, en aras de acadar unha normativa beneficiosa tanto para o sector como para a veciñanza amesá.

O obxectivo principal do novo regulamento céntrase en ordenar e sistematizar o réxime xurídico dos aproveitamentos especiais con terrazas vinculadas a establecementos de hostalaría e restauración e situacións asimiladas, así como o das autorizacións que para estes mesmos fins –e cando as condicións de beirarrúas, prazas e elementos análogos na vía pública non permiten compatibilizar os usos– se permiten instalar na calzada das vías públicas urbanas.

Outros obxectivos son a mellora da calidade urbana, a actualización das licenzas e autorizacións daqueles locais de hostalaría ou titulares de anuncios que non se atopan perfectamente legalizados, e dar cumprimento á nova normativa en accesibilidade para unha ordenada convivencia entre estes espazos e a boa circulación dos viandantes polo espazo público.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames autoriza abrir las terrazas hasta la una de la madrugada; una hora más el viernes y sábado"

El Correo Gallego: "Máis tempo para utilizar terrazas na capital maiá"

Compostela 24 horas: "Ames decreta novos horarios de apertura e peche das terrazas"

Lindeiros: "Novos horarios para as terrazas de Ames"

Apertura e peche das terrazas