- Tematica
Unha vez rematado o estado de alarma e superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, os/as técnicos/as da Unión de Consumidores de Galicia volverán a atender, de forma presencial, á veciñanza amesá nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro. O servizo de asesoramento da UCGAL enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
Deste xeito, dende este martes, 23 de xuño, as oficinas da Unión de Consumidores de Galicia, en Bertamiráns e no Milladoiro, xa abren no seu horario habitual: os martes no Milladoiro e os xoves en Bertamiráns. Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.
Este servizo enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
As persoas que fagan uso deste servizo deberán adoptar as medidas de seguridade e prevención fronte á Covid-19. Así, deberán ir provistas de máscara e usar xel hidroalcohólico antes de entrar e ao saír da oficina da UCGAL.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima á veciñanza a que “faga uso deste servizo que se ofrece nas dúas principais localidades do concello: en Bertamiráns e no Milladoiro. Para poder facer unha consulta máis personalizada e individual recomendamos que se obteña unha cita previa chamando ao número de teléfono 662 13 03 12”.