Pestanas principais

As bibliotecas municipais de Ames xa están preparadas para a nova normalidade

Martes, 30 de xuño de 2020

A Biblioteca Municipal de Bertamiráns e a Biblioteca Municipal do Milladoiro xa están preparadas para a nova normalidade. Así, a partir de mañá, mércores 1 de xullo, reactívanse os servizos habituais como a consulta, lectura e estudo en sala, ou o préstamo e devolución de obras, pero cunha serie de normas como o aforo limitado ou o uso obrigatorio de máscara. Todo isto, en horario para ambas bibliotecas municipais de 9.00 a 14.00 horas da mañá.

Despois da súa reapertura o pasado 20 de maio cunhas medidas bastante restritivas, as bibliotecas municipais de Ames comezan este mércores 1 de xullo unha nova normalidade, na que se volven a activar servizos habituais como son o préstamo e devolución de obras; a consulta, lectura e estudo en sala; información bibliográfica e bibliotecaria, o préstamo interbibliotecario e intrabibliotecario; a colección en libre acceso; a hemeroteca ou o uso de espazos comúns.

Iso si, todo o antes mencionado permitirase baixo unha serie de medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da Covid-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Estas medidas abranguen o aforo limitado nas instalacións, xa que para a realización das actividades ordinarias do servizo bibliotecario as instalacións tan só poderán ser ocupadas nun 75% sobre a súa capacidade máxima permitida.

Ademais, é obrigatorio o uso de máscara, o emprego de xel hidroalcólico antes de entrar e saír da biblioteca, e manter unha distancia interpersoal co resto de usuarios e persoal da biblioteca de 1’5 metros.

Volven as salas de lectura e o uso de espazos comúns
Un dos servizos máis esperados polos/as usuarios/as das bibliotecas, e que se volven a habilitar nesta nova etapa, é o uso das salas de lectura ou espazos comúns. Pero tamén son necesarias unha serie de medidas de prevención de saúde pública para garantir a seguridade dos/as seus/súas usuarios/as. Desta maneira, antes de sentarte no teu posto débese solicitar ao persoal da biblioteca un número, para poder controlar o aforo das instalacións. E posteriormente, débese desinfectar a zona antes de sentarse, ao igual que despois de utilizala.

En canto as normas de uso da zona infantil, tamén é obrigatorio o uso de máscara (excepto os menores de 6 anos), antes de ocupar o posto débese preguntar ao persoal de bibliotecas se este se encontra desinfectado, e só se permite unha persoa por mesa (excepto que pertenzan a unha mesma unidade familiar).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames reabrirá a partir de hoy sus piscinas, la playa fluvial de Tapia y las dos bibliotecas"

La Voz de Galicia: "Reactivan los servicios habituales de las bibliotecas públicas de Ames"

Cartel coas normas das bibliotecas municipais de Ames

Multimedia

  • Cartel coas normas das bibliotecas municipais de Ames
  • Cartel coas normas das bibliotecas municipais de Ames