- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a regulación do prezo público de entrada a espectáculos, obras de teatro, actuacións musicais e similares, nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A nova regulación amplía os descontos para varios colectivos e contempla a creación dun bono para asistir a diferentes espectáculos durante o primeiro ou segundo semestre do ano. Con estas medidas, a Concellaría de Cultura pretende facilitar a asistencia da veciñanza á programación cultural de Ames e potenciar o sector.
O prezo publico das entradas para calquera espectáculo de teatro, música ou similares, levado a cabo por grupos profesionais será de 5 euros para as persoas adultas e 4 euros para os nenos e as nenas naqueles espectáculos cuxo custe non supere os 5.001 euros. Nos espectáculos infantís que alcancen esta contía ou a superen, cobrarase á rapazada 5 euros. Constituirán unha excepción aqueles espectáculos que non vaian especificamente dirixidos a un colectivo concreto, ou formen parte dun programa determinado que, segundo o criterio técnico, precise de actividades gratuítas en auditorios municipais para cumprir os seus obxectivos.
Non se cobrará entrada cando sexan actuacións en colaboración con outras entidades e estas esixan un prezo de entrada diferente ou que a asistencia sexa libre e gratuíta. Ademais, atendendo ás circunstancias especiais de persoas e colectivos que asistan ás representacións, poderá substituírse a entrada por unha invitación exenta de pagamento.
Novos descontos e creación dun bono para asistir a varios espectáculos
A través desta iniciativa amplíanse os descontos a varios colectivos que se verán beneficiados de prezos reducidos. Ata o de agora a excepcionalidade da redución e prezos, aplicábase ás persoas maiores de 65 anos e aos estudantes con carné. A partir de agora amplíanse estes beneficios ás persoas maiores de 60 anos; aos rapaces e rapazas menores de 12 anos; ás familias numerosas; aos mozos/as con Carné Xove; e ás persoas demandantes de emprego.
Está tamén contemplada a creación dun bono para asistir a diferentes espectáculos durante o primeiro ou segundo semestre do ano. Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda que levaba facendo a veciñanza de Ames desde hai anos.
Para a concelleira de cultura, a aprobación do prezo público de entrada a espectáculos, obras de teatro, actuacións musicais, e similares “supón un paso importante cara o asentamento da programación cultural no noso concello e a fidelización do público. Ademais estamos contribuíndo á potenciación dun sector que nestes momentos está máis castigado que nunca”. Para González é moi importante tamén a ampliación dos descontos a distintos colectivos e a posibilidade de creación dun bono que permita reducir custos e garantir a entrada a varios espectáculos porque di “responden a vellas demandas da cidadanía”.