- Tematica
As estritas medidas de seguridade que impón a pandemia do coranavirus non impiden aos mozos e as mozas de Ames gozar dos campamentos que a Concellaría de Mocidade organiza este verán. Grupos reducidos, máscaras, respecto da distancia de seguridade e das normas de hixiene e actividades por quendas son algúns dos cambios que a nova situación impón nos campamentos de verán. 30 rapazas e rapaces amesáns viven esta semana a experiencia en Mougás, no municipio de Oia. Actividades acuáticas, rutas sendeirismo, visitas ao Grove, a Baiona e as Illas Cíes son algunhas das actividades que realizarán até o domingo que volven a Ames. Está previsto que o luns 13 parta outro grupo, neste caso de mozos e mozas de 1º e 2º da ESO. O destino: o cámping de "O Terrón", en Vilanova de Arousa.
Menos prazas por campamento, división en grupos de dez, máis distancia entre as camas dos dormitorios e nas mesas do comedor, uso continuado de máscaras, quendas para participar nas actividades e hixienización de todo o material entre quenda e quenda son algunhas das medidas de seguridade que por mor da pandemia do COVID-19 se toman nos campamentos de verán aos que acode a rapazada de Ames.
Esta semana, un grupo de trinta rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO e de 1º e 2º de Bacharelato goza da estadía no campamento de Mougás, no municipio pontevedrés de Oia. A rapazada partiu este luns e está previsto que regrese o domingo. No traxecto de ida ao campamento visitaron as Torres de Catoira, O Grove e o miradoiro de Siradela. Está previsto que estes días se acheguen a Baiona e vaian en barco até as Illas Cíes. Ademais farán rutas de sendeirismo, practicarán deportes acuáticos na praia e na piscina e obradoiros de cine e de teatro.
Os rapaces e as rapazas están divididos en tres grupos. De cada un deles encárgase un monitor. Todos e todas participan de todas as actividades que se organizan. Porén fano por quendas e, entre quenda e quenda, hixienízase todo o material empregado.
Está previsto que un segundo grupo de Ames, neste caso de rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO, partan o vindeiro luns para o cámping de "O Terrón" en Vilanova de Arousa. Na viaxe de ida, visitarán o parque natural do río Barosa no concello de Barro e durante a estadía achegaranse ás Illas de Arousa e Areoso.
Entre outras actividades, practicarán sendeirismo, kaiac, body boar e skin board, slackline e deportes acuáticos e de montaña. Durmirán en tendas glamping e de seguro gozarán das tradicionais veladas nocturnas.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín séntese "profundamente agradecida aos mozos e as mozas de Ames e as súas familias pola confianza depositada no Concello, e particularmente na Concellaría de Mocidade á hora de elixir os campamentos de Ames como alternativa de ocio para os seus rapaces e rapazas este verán". "É un ano difícil -engade Pampín- e nós non sabiamos como ían responder á convocatoria. Puxemos todo da nosa parte para garantir a seguridade nos espazos e nas actividades que se realizan no campamento. Chegar a organizar dous campamentos e que mesmo houbese que realizar sorteo, parécenos todo un éxito e unha demostración da saúde da nosa mocidade".
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "60 mozos e mozas participan este verán dos campamentos que organiza a Concellaría de Mocidade"