Pestanas principais

Información de interese sobre a obrigación de usar máscara

Luns, 20 de xullo de 2020

Este pasado sábado, 18 de xullo, saíu publicada no DOG a Resolución do 17 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Dende o día 19 de xullo de 2020, para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Será obrigatorio nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

Excepcións á obriga de uso da máscara:
A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

-Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

-Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

-Nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non convivintes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.

-Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo.

-No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.

-Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.

-No caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento da distancia de dous metros con outras persoas non convivintes.

-No caso de actividade física e deportiva en instalacións e centros deportivos, sempre que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal en todo momento, exclusivamente durante a realización das ditas actividades e tendo en conta o protocolo publicado para a dita instalación.

-En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

Recomendacións
Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non convivintes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública
Por outra banda, queda expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público, mediante a actividade coñecida habitualmente como “botellón”, polos riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal.

Esta prohibición non será aplicable no caso de consumo en terrazas ou con ocasión de festas e verbenas populares ou de actividades ou eventos que conten co título habilitante que sexa preciso en cada caso, debendo garantirse as medidas de prevención recollidas neste acordo e as que poidan adoptar as autoridades sanitarias competentes que resulten de aplicación.

Cartel sobre o uso obrigatorio de máscara

Multimedia

  • Queda prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública
  • Cartel sobre o uso obrigatorio de máscara e a prohibición de botellón