Pestanas principais

O Concello de Ames pon en marcha a campaña “Que ninguén quede atrás”

Martes, 21 de xullo de 2020

A Concellería de Transición Ecolóxica e Medio Rural e maila Concellería de Benestar Social colaboran coas asociacións de veciños do rural, para poñer en marcha de xeito conxunto a campaña “Que ninguén quede atrás”. Trátase de que todo aquel que teña horta, leira ou árbores de froita, e teña excedentes de produción, se estima oportuno, lle doe o excedente ao Banco Municipal de Alimentos, para que sexan incluídos nas cestas de produtos frescos que se reparten entre as familias máis vulnerables. As persoas que queiran facer a súa achega deben poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames.

O Concello de Ames pon en marcha unha nova campaña de recollida de alimentos para o Banco municipal. Neste caso a Concellería de Transición Ecolóxica e Medio Rural, así como a Concellaría de Benestar Social, colaboran coas asociacións de veciños do rural, para poñer en marcha de xeito conxunto a campaña “Que ninguén quede atrás”.

Trátase de que todo aquel que teña horta, leira ou árbores de froita, e teña excedentes de produción, se estima oportuno, lle doe o excedente ao Banco Municipal de Alimentos, para que sexan incluídos nas cestas de produtos frescos que se reparten entre as familias máis vulnerables.

Todo aquel que queira facer a súa achega ten que poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames, a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal para xestionar a recollida, que se fará no propio domicilio da persoa que realiza a doazón.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “todos aquelas persoas que dispoñan dunha horta, cando facemos a plantación, sempre nos parece que poñemos pouco e despois, se o tempo axuda, non damos consumido toda a produción, que vén toda xunta”.

Manuel Lens engade “o que pretendemos e que ese produto de excelente calidade co que nos obsequian as nosas hortas e non consumimos, sexa compartido con aqueles que máis o necesitan. Dentro desta iniciativa, tamén incluímos todas aquelas froitas de tempada, como mazás, peras, pexegos, ameixas, etc., que ó igual que as cousas da horta, veñen todas xuntas e é unha magoa non poder aproveitalas”.

Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que "a solidariedade dos amesáns cos que menos teñen. Agradecemos a boa acollida desta iniciativa por parte das asociacións do noso rural e a colaboración da veciñanza ofrecendo produtos das súas hortas ao Banco de Alimentos Municipal para ser repartidos entre aquelas familias que están a pasar por momentos difíciles contribuíndo a que teñan unha alimentación mais variada e saudable”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames promueve donaciones de excedentes de huerta y fruta para «que ninguén quede atrás»"

El Correo Gallego: "Animan aos amesáns con horta a doar os excedentes aos necesitados"

Compostela 24 Horas: "Ames pon en marcha a campaña “Que ninguén quede atrás”

Revista AmsGO!: "Campaña solidaria de recollida de alimentos"

 

Cartel da campaña “Que ninguén quede atrás”

Multimedia

  • Cartel da campaña “Que ninguén quede atrás”
  • Cartel da campaña “Que ninguén quede atrás”