Pestanas principais

Fede Pérez e Pepo Suevos actúan o sábado en Bertamiráns

Mércores, 29 de xullo de 2020

Os actores e veciños de Ames Fede Pérez e Pepo Suevos estarán este sábado, 1 de agosto, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns coa obra “A culpa é do sistema”. Trátase dun espectáculo no que o público pode decidir os temas e os actores improvisan en base a esa elección.  A entrada é de balde até completar aforo. A representación encádranse no programa de dinamización dos sectores cultural e comercial de Ames "AmesON" e no Plan Reactiva Ames.

Fede Pérez e Pepo Suevos sóbense xuntos ao escenario para falar de actualidade e para facelo á demanda do que o público lles pida en cada momento e en cada actuación. Porque “A culpa é do sistema” sitúa ao público como protagonista e motor do espectáculo, como creativo e como destinatario. Fede e Pepo conciben a dinámica da obra como un diálogo continúo cos espectadores, de xeito que as persoas que acudan á cada función poderán escoller o tema do que queren que falen os actores cada vez que se mude de situación enriba do escenario. Nese intre, Pepo e Fede terán que  adaptar os contidos “á demanda do respectable”.

Tratándose dunha proposta na que o inmediato é fundamental, a temática non pode ser outra que a actualidade. A vida política, o día a día dunha escola ou as horas mortas dos xubilados son algúns dos temas que adoitan tratarse en “ culpa é do sistema”. Porén, calquera acontecemento relevante que tivera lugar nas horas previas á función, pode xa ser tamén tratado e integrado de xeito automático neste espectáculo cómico. É moi probable que o coronavirus, a pandemia e o confinamento sexan tratados na función de Bertamiráns por estes magos do humor.

As críticas din que é un espectáculo arriscado e inmensamente divertido. “É Diferente; hai que reinventarse ou acabas morrendo”, declaran os actores e creadores da obra, quen tamén manifestan que “O obxectivo concreto concibir unha peza que fixese escachar ao público coa risa, pero tamén a nós mesmos”.

A culpa é do sistema tivo que suspender a xira que comezaba o 22 de abril en Ponteareas por mor do COVID19 e o confinamento e que os ía levar a percorrer Galicia de palco en palco até o mes de xuño. Agora Pepo e Fede volven a subirse con ganas aos escenarios. Ames ten o privilexio de poder contar con eles o 1 de agosto en Bertamiráns. A culpa é do sistema!

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "‘A culpa é do sistema’ chega xa a Bertamiráns"

La Voz de Galicia: "Rock, música de banda, autocine y humor, propuestas de hoy en la comarca"

Pepo Suevos: "Fede Pérez e Pepo Suevos presentan mañá ‘A culpa é do sistema’ no Pazo da Peregrina"

Cartaz do espectáculo "A culpa é do sistema"