- Tematica
Bertamiráns acollerá esta fin de semana 4 concertos e unha sesión de batucada. O grupo de música tradicional Leilia, a banda de rock alternativo Battosai, o dúo acústico Arévalo e Gianetto, Eva e Camilo e o grupo de batucada A Percutería actuarán nos días nos que a vila estaría preparándose para celebrar as festas da Peregrina. Cómpletase a oferta con coches a pedais na rúa Ameneiral. En Milladoiro tamén haberá coches a pedais e un obradoiro que leva por título: “Crea a túa bolsa”. Todas as actividades son de balde, teñen o aforo limitado por mor de gardar as distancias e as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia, e están incluídas no programa de dinamización do comercio e a cultura de Ames, AmesON.
Se a situación fose normal, Bertamiráns estaría celebrando esta fin de semana as festas da Peregrina. Impídeo o cumprimento das normas de seguridade e hixiene establecidas para loitar contra a pandemia do COVID19. Emporiso, a vila acollerá unha sesión de batucada e catro concertos de moi distintos xéneros, todos eles organizados ao abeiro do programa de fomento da economía e a cultura AmesON.
O primeiro concerto será o que ofrezan o dúo Eva e Camilo na sesión vermú que se desenvolverá o sábado, día 8 de agosto, ás 13:00 horas na praza do Concello. O dúo, habitual desde hai moitos anos nas festas de maiores de Ames, interpretan un repertorio composto por baladas, pasodobres e todo tipo de ritmos latinos. Pola tarde, entre as 18:00 e as 19:30 horas, a Percutería dinamizará o mercadillo cunha batucada.
Ás 22:30 da noite, despois de que o grupo A Percutería faga unha batucada na zona do paseo entre 18:00 e as 19:30 horas, o parque do Ameneiral acollerá a actuación do grupo “Lelilía”. As cantareiras – pandereteiras que naceron hai 31 anos coa intención de recuperar do esquecemento á tradición oral galega, ofrecerán un repertorio no que combinarán a interpretación de temas emblemáticos da súa discografía con outros menos coñecidos que representan a evolución sonora do grupo e a súa experiencia de tres décadas sobre o palco.
Un pouco máis tarde, ás 23:00 horas, a praza do Concello será escenario da actuación do dúo Arévalo e Casquero. Arevalo, batería e voz, e Casquero, piano e voz, son membros da Banda de Nash e Michael Legend Tribute”, entre outras formacións eléctricas. Como dúo acústico interpretan clasicos do pop, o soul, o jazz, o regaee e a bossa, conferindo a todos os temas dun son e un espírito propio.
O último concerto terá lugar o domingo, ás 22:00 da noite na praza de Chavián. O grupo bebe do grunge e do rock dos años 90 e filtra estas fontes a través de sons actuais, mestura que lle confire unha personalidade propia no panorama musical contemporáneo. No seu primeiro disco “Cuánto tiempo” aprécianse estas reminiscencias dos 90. O nome de Battosai fai alusión a un dos personaxes do anime: Kenshin, o guerreiro samurai, serie da década dos 90 que algúns dos compoñentes da banda vían cando eran nenos. A oferta para Bertamiráns complétase con coches a pedais. Estarán o sábado, 8, na rúa do Ameneiral, entre as 18:00 e as 20:00.
En Milladoiro obradoiros e coches a pedais
Tamén a través do programa AmesON, a Casa de Cultura de Milladoiro acollerá esta fin de semana un obradoiro que leva por título “Crea a túa mochila e que impartirá Nuria Ruibal, directora da Escola de Debuxo e Pintura “Lápices”. Terá lugar o día 7 de agosto entre as 11:00 e as 14:00 horas. Na mañá do sábado 8, entre as 12:00 e as 14:00 na praza de Manuel Murguía instalaranse coches a pedais.
Cómpre salientar que todas as actividades son de balde, teñen o aforo limitado por mor de gardar as distancias e as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia, e están incluídas no programa de dinamización do comercio e a cultura de Ames, AmesON.