Pestanas principais

Rematan as obras de reforma do campo de fútbol municipal de Bertamiráns

Sábado, 05 de setembro de 2020

Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, xunto co técnico municipal de Deportes e maila arquitecta municipal, visitaron o campo de fútbol de Bertamiráns para ver de primeira man como quedou esta instalación despois das obras realizadas. Alí estiveron co director de obra, Julio Calderón, de Calderón & Asociados; con representantes da empresa Prace Servicios Y Obras SA, adxudicataria do proxecto; co presidente, Rafael Budiño, e co secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas. Este proxecto, no que se investiron 312.067 euros, foi posible grazas ás xestións que fixo o Goberno municipal coa Deputación da Coruña. A Deputación financiou o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegou o 20% restante.

O campo de fútbol de Bertamiráns presenta un estado totalmente renovado despois das obras realizadas dende mediado do pasado mes de xuño. As obras consistiron na retirada do vello céspede e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica, e que se instalou sobre unha superficie regular e elástica previamente compactada. Dita superficie elástica instalada baixo o céspede permite a prevención de lesións. Ademais, fíxose unha revisión da cementación do terreo de xogo.

Ademais, ao redor do terreo de xogo instalouse un pavimento perimetral de cor azul para mellorar a zona de tránsito peonil. Tamén se fixeron melloras na rede de drenaxe con novas canaletas e no sistema de rega coa instalación de novos canóns emerxentes que se gardan debaixo do céspede. Deste xeito, substituíronse os vellos canóns de rega que estaban encima da superficie do terreo de xogo, gañando en seguridade para os usuarios e usuarias que practican deporte nesta instalación.

Outras melloras foron a colocación de novas torres con novos puntos de luz led para gañar en eficiencia enerxética e aforro de enerxía. Asemade, cambiáronse todas as redes parabalóns que están ao redor do terreo de xogo; instaláronse novos banquillos coas cores do Bertamiráns FC; instaláronse 4 novas porterías de fútbol 8 e dúas novas porterías de fútbol 11; impermeabilizouse a grada existente xa que tiña goteiras e colocáronse 150 butacas nas gradas, tamén coas cores do Bertamiráns FC.
 
Estas obras foron posibles grazas ás xestións que fixo o Goberno municipal coa Deputación da Coruña. Para executar este proxecto o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración. Así, a Deputación financiou o 80% do proxecto, mentres o Concello de Ames achegou o 20% restante.

Plan de mellora das instalación deportivas
Esta reforma súmase a outros proxectos desenvolvidos recentemente para mellorar as instalacións deportivas municipais. Ademais, está previsto proximamente construír uns  novos vestiarios baixo as gradas do campo de fútbol municipal do Milladoiro e rehabilitar os vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “este proxecto que vén de rematar enmárcase nun plan de mellora das instalacións deportivas, que vimos desenvolvendo nos últimos anos co obxectivo de mellorar e ampliar, se é posible, as instalacións deportivas que temos no concello. A reforma do campo municipal de fútbol de Bertamiráns era moi necesaria xa que é unha instalación moi utilizada. Ademais, antes de que comece a competición este ano pretendemos facer algunhas melloras no campo de fútbol do Milladoiro e pronto se van adxudicar as obras para construír uns novos vestiarios baixo as gradas do campo de fútbol municipal do Milladoiro”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Bertamiráns luce campo de fútbol renovado"

Compostela 24 horas: "Rematan as obras de reforma do campo de fútbol municipal de Bertamiráns"

Revista Ames Go: "Acabadas as obras no campo de fútbol de Bertamiráns"

Imaxe da visita ao campo de fútbol municipal de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do campo de fútbol municipal de Bertamiráns
  • Imaxe do campo de fútbol municipal de Bertamiráns
  • Imaxe das novas butacas da grada
  • Imaxe dos novos banquillos
  • Novo pavimento perimetral azul
  • Novas torres con puntos de luz led