Pestanas principais

Arrinca o proceso de Orzamentos Participativos 2020 no Concello de Ames

Sábado, 12 de setembro de 2020

Ao longo da vindeira semana celebraranse asembleas de presentación de propostas nos diferentes locais sociais. As xuntanzas terá unha duración de aproximadamente 1 hora. Atenderase individualmente a cada veciño/a que irán entrando de xeito graduado. Será obrigatorio o uso de máscara. Porase a dispor en cada entrada xel hidroalcohólico e garantiranse en todo momento asas medidas de seguridade e distanciamento.

Para a execución dos OP2020, destinaranse no Orzamento 2021 un total de 200.000 euros. As actuacións desenvolveranse ao longo do 2021 segundo as seguintes cantidades: 120.000€ para investimentos no conxunto do rural; 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000€ destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000€ destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.

A cidadanía poderá decidir investir, por exemplo, en creación de novas infraestruturas (sinalización, mobiliario urbano, paneis informativos, parques, xardíns, fontes, lavadoiros, etc), en repoñer infraestruturas (remodelación de áreas recreativas, espazos naturais, reposición de fontes, de mobiliario urbano ou de equipamentos deportivos, etc), en reformas, acondicionamento e equipamento de edificios e instalacións municipais ou adquisición de software e hardware (aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos...) Tamén pode decidir investir en programas e actividades que inclúan gastos de adquisición de bens e servizos externos, como, por exemplo, festas,festivais, talleres, formacións, campañas de sensibilización, etc.

Segundo a Concelleira de Economía, Genma Otero; "iniciamos a semana que ven as visitas polas parroquias do rural para que a veciñanza poida presentar as propostas dentro dos Orzamentos Participativos deste ano 2020. Ante a situación que estamos a vivir adaptámonos e reformulamos as xuntanzas de xeito que se garantan todas as medidas de seguridade e distanciamento e atenderase individualmente a cada veciña/o. Queremos seguir apostando polas fórmulas de participación veciñal e darlle voz ao noso rural, escoitar a cidadanía e ver de primeira man as súas demandas e inquedanzas".

Pola súa parte, Víctor Fernández, concelleiro de Administración Xeral manifestou que “toca seguir traballando e ampliando estas fórmulas de participación de toda a veciñanza e, especialmente, no rural, e neste sentido quero amosar a aposta deste goberno por seguir traballando e ampliando estes procesos de participación, de aí que este goberno dispoña dunha nova concellería de participación cidadá, e que xunto ao procedemento de participación adoptado permitirá afondar neste proceso e contribuír a reforzalo e melloralo de forma significativa”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llamamiento en Ames a los vecinos para decidir obras"

Calendario das xuntazas para os Orzamentos Participativos de 2020

Multimedia

  • Cartel informativo dos Orzamentos Participativos de 2020