Pestanas principais

Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta

Luns, 21 de setembro de 2020

O Concello de Ames realiza unha actuación puntual de reforzo e protección do arco da Ponte Cabirta, para evitar danos na súa estrutura e limitar os impactos durante as crecidas do caudal do río Sar. Trátase dunha actuación provisional mentres se licita o proxecto de consolidación do arco e a calzada da Ponte Cabirta, na parroquia de Bugallido, coa finalidade de protexela de posibles impactos de árbores durante o inverno.

Deste xeito, colocáronse dous bolardos preventivos para minimizar o risco de impacto directo no arco dos elementos arrastrados polo río Sar e tamén se reforzou a base do arco para soportar as dovelas. Ata o lugar achegáronse David Santomil, Tenente de Alcalde e concelleiro de Patrimonio Histórico, e Manuel Durán, enxeñeiro redactor do proxecto de rehabilitación da Ponte Cabirta no que colabora a Deputación da Coruña.

O proxecto licitarase nos vindeiros meses e está previsto que a totalidade das actuacións poidan realizarse no verán de 2021, cando o caudal do río Sar o permita. Todas as actuacións son resultado da colaboración institucional entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames.

Dita colaboración institucional reflectiuse na sinatura dun convenio entre o Concello de Ames e maila Deputación da Coruña para o financiamento das obras de rehabilitación da Ponte Cabirta. O proxecto conta cun orzamento total de 36.000 euros, dos que 27.000 euros serán investidos pola Deputación e 9.000 euros polo Concello.
 
Rehabilitación do paso peonil
O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a reparación do lousado das ribeiras. Nas zonas que conten con lousado danado, procederase á recuperación das pedras para a súa nova montaxe. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase zahorra estabilizada con cal hidráulica.

A actuación contará tamén con tarefas de desbroce en ambas marxes, nunha franxa de 6 metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

Adaptación ao réxime hidrolóxico
A construción do novo paso adaptarase ao réxime hidrolóxico, reducindo ao mínimo o impacto na sección natural neste tramo do río. O material escollido para a pasarela será de aceiro corten. A estrutura contará cunha varanda de tubo de 30 milímetros de diámetro na rocha para indicar a dirección de tránsito na zona dereita da pasarela, que contará con dous chanzos.

A obra suporá tamén a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Actuación de reforzo e protección no arco da Ponte Cabirta"

Lindeiros: "Ames preserva a Ponte Cabirta á espera da súa restauración"

Revista Ames Go: "Intervención na Porte Cabirta para estabilizala"

Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta

Multimedia

  • Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta
  • Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta
  • Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta
  • Instálanse uns elementos provisionais para estabilizar o arco da Ponte Cabirta